C.D. BAIO 6 - S.D. LAXE 2
Disputouse este domingo o último partido da temporada na Liga da Costa 16-17 que pasará á historia do CD Baio polo título acadado tras moitos anos sen facelo. E precisamente na previa do encontro fíxose entrega do trofeo de campión por parte do vicepresidente da FGF, Juan Luis Villamisar, e o subdelegado da Costa, Manuel Corredoira, acompañados do alcalde Manuel Muíño. Despois do pertinente "pasillo" realizado polos xogadores da SD Laxe, encargouse de recoller o trofeo Martín, a quen lle cedeu o brazalete o esta temporada capitán Martín MC.
Co ambiente festivo que se viviu esta fin de semana en Baio, concentrouse bastante xente no Platas Reinoso, aproveitando a tregua que deu a chuvia na tarde dominical. O partido en si pouca historia tivo, cun Baio moi espeso por momentos e uns minutos tolos no segundo tempo no que se sucederon os goles por un e outro bando.
A primeira parte foi de control do balón por parte do Baio e co Laxe ben pechado atrás, e a falta de fluidez no xogo facía que non houbese moitas ocasións claras. Tan só sinalar a xogada do primeiro gol, nun balón que leva Javi Suárez por banda e que cedeu para deixar a Martín MC só ante o porteiro, e non errou no man a man (min.24). Do resto temos que facer mención dun gran intento de Bieito, nun balón levado por el desde campo propio e cando estaba a uns 35 metros intentou unha vaselina sobre un adiantado Jacobo, pero o balón saíu por riba do traveseiro (min.35). Coa mínima vantaxe chegouse ao descanso.
A segunda parte principiou polo mesmo camiño que a primeira, iso si, o Baio foi acumulando ocasións que non daba materializado. Logo do cambio múltiple de Pedro, dando entrada a todos os suplentes, o xogo revitalizouse e nos últimos 20 minutos chegaron sete goles que lle deron algo de picante ao encontro que parecía esmorecer. O primeiro deles foi obra de Martín MC no min.69, e tres minutos despois unha internada de Christian na área e cortada en falta; do penalti encargouse Martín MC para marcar un novo hat-trick na súa conta da temporada e chegar ata os 44 goles nesta temporada. No min. 76 un disparo desde a frontal da área de Santi Díaz poñía o 4-0 e despois chegou a relaxación local, que viu como chegaban tres ocasións claras dos visitantes. Na primeira delas, Julián fixo un paradón ante Carrabete, pero á segunda o xogador formado nas categorías inferiores do Baio marcou o primeiro para o Laxe (min.78); dous minutos despois o propio Carrabete era derrubado na área, e outro ex-baiés, Felipe, transformaba o penalti (min.80). Espeliuse o Baio e Javi Suárez tivo tres grandes ocasións, marcando dúas delas, a primeira no min.85 e a segunda no último minuto, para facer xustiza á súa boa temporada.
Con este triunfo o CD Baio rematou esta liga na que sumou 84 puntos, o que significa igualar o récord de puntuación da Liga da Costa, compartíndoo coa SD Fisterra da temporada pasada. E temos que destacar tamén os 44 goles de Martín MC, que supoñen non só a segunda marca deste grupo costeiro por detrás do cormelán Alejo, senón que é tamén o segundo de todos os grupos galegos da 2ª Autonómica. E ademais colócase na 4ª posición na historia da Liga da Costa, por detrás de Isidro (61 goles no Fisterra 91-92), Alejo (56 no Corme 16-17) e novamente Isidro (52 no Fisterra 92-93).
Ficha do partido da FGF
Clasificación final da Liga da Costa
Goleadores da Segunda Galicia (todos os grupos)
No hay comentarios:
Publicar un comentario