C.D. BAIO 3 - C.D. BAÍÑAS 2
|
O balón volveu a rodar na Liga da Costa |
Na xornada do domingo enfrontábanse no Platas Reinoso o CD Baio e o CD Baíñas, coincidindo coas festas das dúas localidades. Tarde de sol na vila baiesa que foi aproveitada por máis de 400 afeccionados que se achegaron a presenciar o debut desta nova edición da Liga da Costa.
|
Yago, autor do 1º gol |
Dous equipos que se coñecen ben, aínda que con moitos cambios, sobre todo polo bando visitante, depararon uns primeiros minutos igualados, nos que a mellor ocasión foi un córner directo botado por Martín MC que se foi ao traveseiro (min.7). Pouco a pouco os visitantes foron impoñendo a súa forza no centro do campo e chegando con máis ou menos perigo á meta do debutante Recarey, que solventou o traballo que lle crearon nestes minutos de acoso. A xogada de maior perigo veu dun triple remate baiñés, que entre o porteiro e a defensa baiesa conseguiron conxurar (min.36). Cando parecía que se ía chegar ao descanso co marcador inamovible, chegou o primeiro gol da tarde, ao rematar de cabeza Yago un remate previo de MC, á saída dun córner.
Segunda parte de goles (marcados por ex)
|
Luis sentenciou o partido |
O segundo tempo comezou coa expulsión por dobre amarelo de Moreno (min.51), que non obstante non foi óbvice para que os locais controlasen o xogo, e grazas a iso chegaría unha grande ocasión de Martín MC, que se plantou ante o xuvenil Maikel, pero este conseguía evitar o gol en dous tempos (min.53). Un lanzamento desde fóra da área de Canay que superou por alto a Recarey supuxo o empate (min.62), e uns minutos de desconcerto nos locais. Pero non tardaron en controlar de novo o xogo de ataque, e Javi Suárez non desaproveitou a ocasión de poñer de novo por diante aos baieses de preciosa vaselina (min.68). Pareceu sentenciar o partido outro ex do Baíñas, Luis Alvite, que de preciosa falta directa pola escuadra poñía o 3-1 (min.71). Cando parecía todo sentenciado, chegou unha nova xogada a balón parado, neste caso lanzada por Canay, que bateu no traveseiro e Braulio, moi atento, aproveitaba o rexeite para reducir distancias (min.84). Aguantou ben o equipo baiés o arreón final do Baíñas e non se viu seriamente en perigo. Incluso aproveitou para sacar algunha contra, como a que lle custou a expulsión por segundo amarelo a Esteban (min.93), ao cortar un avance de Pedro.
Vitoria apertada nun partido con máis emoción que xogo, que deixa a anécdota dos autores dos goles da segunda parte, que foron marcados por ex-xogadores do equipo rival. Con estes tres puntos empeza de maneira máis que produtiva o CD Baio, sempre remiso a sumar no partido das festas.
XUVENIL: Un punto que sabe a gloria
CD BAIO 2 - SD SOFÁN 2
Chegaba o equipo baiés moi mermado de efectivos a este primeiro partido da Liga, con tan só 11 homes na convocatoria, e mesmo o porteiro Cedrón tivo que xogar de improvisado dianteiro.
|
Josiño marcou e asistiu |
O encontro parecía moi disputado nos seus inicios, cun Sofán cunha liña moi adiantada, que permitía o xogo en longo dos locais, que non souberon aproveitar polo bo facer do meta visitante, sempre atento a eses envíos en profundidade. Pola contra o Sofán aproveitou moi ben as súas chegadas, e en dúas delas conseguiu marcar e deixar un claro 0-2 ao descanso.
Parecía darse por vencido o equipo local, e máis cando o xa renqueante Damián tiña que abandonar o campo ao resentirse da súa lesión. Mais nos 10 minutos finais, cun cambio táctico ordenado por Roberto Lozano, chegou o arreón que permitiu salvar un punto perdido. Un pase en profundidade de Fran sobre Josiño, era aproveitado por este para bater no man a man (min. 80), e novamente Josiño sacaba en curto un córner e o seu centro non era atallado polo meta visitante, e o rexeite quedoulle nos pés a Cedrón, que só tiña que empurrala.
No hay comentarios:
Publicar un comentario