C.D. BAIO 4 - PONTECESO S.D. 2
Once inicial do CD Baio este domingo |
Unha
riada de goles foi o que se viu este domingo no Platas Reinoso, e o
río Grande veu máis cargado que o Anllóns, e a dicir verdade, ben
puideron ser máis os acadados polos locais, sobre todo nas botas
dese pescador de ocasións que é Martín MC, que marchou cun
hat-trick, pero da súa cana escapou algunha que outra peza que xa
parecía estar no cesto. Ao final os máis de 300 espectadores que
presenciaron o partido puideron deleitarse con seis goles que
acabaron no trueiro, catro por parte local e dous pola visitante.
Os 11 do Ponteceso que saíron como titulares |
Chegaba
o Baio con algunha baixas, sobre todo no ataque, coma as de Javi
Suárez e Christian, e a do lateral Luis, que o sábado pasaba polo
altar e a quen lle desexamos as maiores das felicidades na súa nova
vida. Pero volvían outros que non puideran estar en Berdillo, como
Martín MC, que aos tres minutos xa fixo acto de presenza ao non dar por perdido un envío en longo e, tras roubarlle a carteira a Brais, puxo
o 1-0 no marcador cun tiro desde o lateral da área. O gol tempraneiro tranquilizou o xogo local, que
controlou o partido a pracer no centro do campo. Pero o Ponteceso é
un equipo dos chamados a estar arriba, e conta con bos xogadores,
como o ex-baiés Matías, que mediada a primeira parte lanzou un dos
potentes disparos, que desviou Yago e coándose na meta baiesa (m.
23). Mais o Baio non se resentiu e practicamente na xogada seguinte,
volveu adiantarse o cadro local grazas a un penalti convertido por
Martín MC. A partir de aquí o xogo do Baio converteuse nunha riada
de ocasións, nas que MC superaba unha e outra vez a zaga pontecesá.
No min. 32 supera por alto a saída de Brais, pero a súa vaselina
vaise fóra por pouco, un minuto despois nun novo man a man, MC
intenta driblar ao porteiro, pero este consegue tocala e desviala a
córner. Non erraría o dianteiro baiés no min. 35, e agora si batía
a Brais para poñer un tranquilizador 3-1. Aínda puido aumentar a
súa conta MC, pero nunha nova ocasión ante Brais, este conseguía
desviar o lanzamento.
CAPITÁN MC, un hat-trick ao trueiro |
Comezou
a segunda metade como acabara a primeira, cun MC pletórico, que case
marcaba o gol da tarde, ao ver adiantado ao porteiro pontecesán
lanzou desde 40 metros, pero reaccionou ben o meta e conseguíu
desviala a córner coa punta dos dedos. Non só Martín MC foi un
pesadelo para a defensa rival, senón que os centrocampistas chegaban
á área e creaban accións perigosas, como foi o caso de Moreno
(min. 47), que estivo a piques de marcar nun lanzamento que rozou nun
defensa e envelenouse para sair lambendo o poste. A única ocasión
clara dos pontecesáns veu nun lanzamento de córner, que foi
peiteada no primeiro pau, e o balón era sacado baixo o traveseiro
por Peke. Pouco a pouco o partido foi decaendo, o Baio gardando
esforzos e o Ponteceso impotente para crear perigo. Aínda así
viñeron máis goles, despois de que o Platas ovacionase ao heroe da
tarde, Martín MC, ao ser substituído. Un pase en profundidade sobre
Santi Díaz, era aproveitado por este para marcar o cuarto (min.80),
e xa nos últimos minutos viría o golazo de Puente, que recollía un
balón no vértice da área e enchufábao na escuadra de Recarey para
poñer o definitivo 4-2 (min.89). Moitos minutos de engadido foron os
decretados polo colexiado coruñés da 3ª División, Domínguez
Manteiga (boa actuación), que só serviron para que o pontecesán
Mara vise un dobre cartón amarelo por protestar unha falta.
En
definitiva, moi bo partido do Baio, sobre todo na primeira metade,
que a pesar das baixas, demostrou que conta cun plantel con garantías
para acometer estes partidos ante rivais de máximo nivel e despexar
dúbidas despois do partido das Pedreiras da semana pasada. Agora na
vindeira xornada toca visitar outro dos grandes da Liga da Costa, o
Malpica, pero iso será o domingo.
XUVENIL: C.D. BAIO 2 - CAMARIÑAS C.F. 1
Na
tarde do sábado xogaron os xuvenís ante un Camariñas que chegaba
ao Platas Reinoso sen puntuar, pero co recordo da eliminación na
pasada temporada da Copa da Costa. Quizais por eses precedentes
sairon os dous equipos temerosos, como querendo gardar antes a súa
portería que buscar a contraria. Pouco a pouco foron chegando
xogadas de perigo, iso si, escaso, pero os camariñáns viron que
podían facer dano e en dúas contras tiveron a oportunidade de
adiantarse. Mais á terceira houbo vez, e aproveitaron a falta de
contundencia da defensa para despexar o balón para presentarse ante
Julián e conseguir o 0-1. Non espertou nin así o Baio e chegouse ao
descanso co marcador favorable para os visitantes.
Pero
todo cambiou no segundo tempo, e nada máis iniciarse Luis conseguía
o empate e dar tranquilidade aos locais, que pasaron a controlar o
partido. Pero as ocasións non eran moitas, pois faltaba o último
pase que se puxese aos dianteiros de cara ao gol. Un cambio táctico
planeado por Roberto permitiu que os baieses chegasen con máis
claridade, e nunha combinación entre Luis e Estefan, este conseguía
bater ao porteiro visitante. Repregou liñas o equipo local nos
últimos minutos por medo ao arreón final camariñán, pero este non
se produciu porque os baiseses conseguiron dominar o tempo do xogo,
movendo o balón e non permitindo as chegadas visitantes.
Con
esta vitoria suman os xuvenís 4 puntos que o colocan na 5ª praza, e
o vindeiro venres visitarán o campo do líder, o Corme, que suma os
seus partidos por vitorias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario