C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

28 ene 2017

PREVIA DO PONTECESO SD-CD BAIO

O PARTIDO 1800 DA HISTORIA DO CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1799
694
419
686
2950
2991
TOTAL LIGAS
1575
602
363
610
2513
2624
LIGA DA COSTA
813
320
158
335
1481
1551

Baio-Ponteceso, nesta temporada

A visita ao campo do Pinguel supón para o CD Baio o seu partido 1800 en competición oficial, contando os distintos campionatos ligueiros e os copeiros. Como podedes apreciar no cadro de arriba o balance de vitorias/derrotas é lixeiramente favorable, mentres que o de goles se vai igualando aos poucos. Medio cento de tantos quedan para chegar ao gol 3000 (lembremos que hai pouco celebramos o 2500 en competición ligueira).
Diante teremos ao Ponteceso SD, un dos clubs históricos da Costa, membro fundador desta Liga e un dos que posúe un mellor palmarés. É o cuarto club costeiro en canto a temporadas disputadas e partidos xogados, por detrás de Baio, Cee e Fisterra; mais se falamos só da Liga da Costa pasa xa ao segundo posto neses dous conceptos, aínda que lonxe do líder Carnota. E é que o Ponteceso nas 50 temporadas que participou na Costa (disputou outras dúas na Liga de Arteixo), estivo 9 campañas na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, 4 na 3ª Rexional e as outras 37 na Liga da Costa. No seu palmarés figuran 5 ligas da Costa (67-68, 69-70, 97-98, 08-09 e 10-11) e outra máis da 3ª Rexional (04-05), e son 4 as Copas da Costa que gañou (71-72, 81-82, 99-00 e 07-08), perdendo na final noutras seis ocasións (68-69, 70-71, 89-90, 96-97, 98-99 e 08-09), o que significa que é o club que máis veces chegou á final copeira. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

PONTECESO S.D.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1365
590
298
477
2514
2241
LIGA DA COSTA
945
440
197
308
1871
1532

Esta temporada é a 29ª que coinciden no mesmo grupo o Ponteceso e o Baio, 26 delas na Liga da Costa e tres na 1ª Rexional/Autonómica. Como fundadores os dous da Liga da Costa, o seu primeiro enfrontamento tivo lugar na campaña inaugural. Foi o 19 de abril de 1964 no Balsiño, con vitoria baiesa por 3-0; e o primeiro co Ponteceso como local foi o 7 de xuño de 1964, no campo do Frade, e volveu gañar o Baio (1-2). Con todo, foi un espellismo, pois nas seguintes temporadas o habitual era que o Ponteceso se impuxese nos dous encontros. Será na década dos oitenta e noventa cando o Baio vai colleitando máis vitorias que o seu rival, para igualarse no novo século. Resulta curioso, pero nas 28 temporadas anteriores, excepto en 3 ocasións, nunca se repartiron as vitorias, isto é, se un gañaba na primeira volta tiña case seguro que na segunda ía gañar de novo, ou polo menos empatar.
Con todo, as estatísticas son bastante favorables ao Ponteceso a nivel xeral, e moito máis nos partidos disputados no seu campo, pois o Baio só gañou alí no 25% das veces.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
57
19
08
30
95
121
Xogados en Ponteceso
28
07
04
17
43
67

O Ponteceso a semana pasada en Malpica
O partido do domingo
O Ponteceso preséntase na actualidade na 4ª posición, logo de 6 partidos seguidos gañando. Sumou 22 puntos dos últimos 24 en xogo, o que o converten no mellor equipo da Costa neste período. Iso fixo que se achegase de maneira rápida aos postos altos, recortando sete puntos con respecto ao Baio nos últimos catro partidos, co que se encontra a tres puntos de distancia. Entre estas vitorias cabe sinalar enfrontamentos en Berdillo ou Malpica e na casa co Mazaricos, o que dá boa mostra de que o seu potencial subiu expoñencial desde o inicio da temporada. Só sufriu catro derrotas no que vai de liga, e tres delas ocorreron ao comezo do campionato (xornadas 3, 4 e 5 ante Baio, Esteirana e Camariñas, respectivamente), mentres que a outra veu na xornada 11, en Corme. Dos nove partidos xogados como local, venceu en 7, empatou un e perdeu outro (estes nas xornadas 2 e 4). Isto significa que nos últimos 14 partidos gañou 11, empatou 2 e perdeu 1. Suma un total de 39 goles, mentres que encaixou 26 (destes, 15 foron obra de Camariñas, Baio e Corme). Os seus goles están moi repartidos, pois ata 14 xogadores lograron marcar polo menos un gol, sendo Charro, con 6; Baba, Mara e Nando, con 5, e Matías, con 4, os máximos goleadores.
No que vai de temporada Barca utilizou unha vintena de xogadores sénior e tamén algún xuvenil. Tres xogadores son practicamente indiscutibles nas súas aliñacións, pois Charli, Matías e Nando case o xogaron todo, tamén Cotelo conta con moitos minutos, ao igual que Mendieta, Dieguito e Charro. Recarey é fixo cando as súas obrigas non o impiden e Brais na porteria xogou bastante máis que Xurxo. Puente, Baba, Mara, Dani Cotelo, Yago ou Juanma tamén contan con moitos minutos disputados, e algo menos os irmáns Youssef e Ismail ou Gurita. Xa que logo, un bo plantel que lle poñerá moitos problemas ao Baio neste enfrontamento sempre atractivo.


SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
PONTECESO S.D. - C.D. BAIO
Domingo 29 de xaneiro; 17:00 h.
Saída de Baio ás 15:30 horas.
Campo: O Pinguel (Ponteceso).
Árbitro: Diego Seoane Sánchez.


XUVENIL: COPA DA COSTA

Principia esta semana a fase de grupos da Copa da Costa Xuvenil, que se compón de tres grupos de catro equipos cada un. Destes grupos clasificaranse os tres primeiros de cada un, e o mellor cuarto dos tres grupos. Sumarán así os 10 equipos que se van sumar aos seis que están disputando a segunda fase da Liga e así chegar aos oitavos de final.
O Baio quedou encadrado no grupo 2, xunto con Camariñas, Laxe e Sofán, todos eles rivais no torneo ligueiro, e a quen lles venceu nos dous partidos, polo que deberán demostrar agora a súa capacidade para desenvolver unha boa Copa e mostrar o seu nivel competitivo. O primeiro encontro é este sábado no campo Hermanas Patiño ante un Camariñas que acaba de perder ao seu goleador Brandon hai unhas semanas, fichado polo Calasanz de División de Honor. No partido ligueiro os baieses impuxéranse polo espectacular marcador de 4-7, nun día de moito temporal e non só en forma de goles. Agardemos que vexamos un espectáculo similar.

COPA DA COSTA XUVENIL (GRUPO 2º)
CAMARIÑAS F.C. - C.D. BAIO
Sábado 28 de xaneiro; 16:30 h.
Saída de Baio ás 15:00 horas.
Campo: Hermanas Patiño (Camariñas).
Árbitro: Luis M. Insua Lago.


No hay comentarios:

Publicar un comentario