C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

25 ene 2017

A COSTA DE XANEIRO

C.D. BAIO 1 - S.D. SAN LORENZO 3


Diego foi a figura do partido
Tarde de domingo boa para xogar ao fútbol, e con moita xente nas bancadas, case 300 persoas, disputouse o partido entre o CD Baio e o SD San Lorenzo. Dous conxuntos que apostan polo fútbol combinativo e que o puxeron en xogo no Platas Reinoso. Dous tempos diferenciados, cun San Lorenzo que ao final levou un triunfo merecido, aínda non o conseguiu cando máis o mereceu.
A primeira parte principiou cos dous equipos tanteándose antes de que de repente chegase o primeiro gol, froito dun balón bombeado por Mario á área rival e a defensa berdillesa non consegue despexar e, moi hábil, Javi Suárez gaña a posición e bate a Javi para poñer o 1-0 (min.5). Aquí empezou a coller o mando o San Lorenzo, e na súa primeira ocasión conseguía poñer o empate no marcador, ao aproveitar Juni, libre de marca, un balón solto na frontal da área (min.15). Desde este momento os visitantes foron amos e señores do partido, e puideron sentencialo, con claras ocasións que erraban ante Diego. No min. 27 é Parafita o que remata forte pegado ao pau, pero a estirada de Diego envía o balón a córner. Nunha contra rápida levada por Parafita, que mete o pase da morte cara a Fuentefría, pero o seu lanzamento é sacado de novo por Diego en felina intervención (min. 28). E seis minutos despois era de novo Fuentefría, desta vez de cabeza, o que vía como Diego lle sacaba un balón de gol. Perdoou o San Lorenzo ante a brillante actuación do porteiro baiés e con empate chegouse ao descanso.
O segundo tempo iniciouse cun cambio de ritmo dos dous equipos, pois o Baio deu un paso adiante, e o San Lorenzo parecía botarse atrás para confiar no contragolpe a súa sorte. E co balón nos seus pés en campo contrario o Baio foi creando perigo, aínda que non estaban finos os dianteiros e perderon moitos balóns claros nos controis dentro da área. Unha primeira ocasión clara veu dun lanzamento desde fóra da área de Martín MC, que saíu rozando a escuadra (min.58), e cinco minutos despois chegou a máis clara, nunha contra similar á berdillesa da primeira parte, con Javi Suárez de lanzador dunha contra, e o seu pase da morte para Martín MC é desaproveitado por este ao rematar e chegar Samu para tapar o lanzamento. Cando máis o buscaba o Baio, dúas xogadas a balón parado a favor dos berdilleses modificaron o devir do partido. Na primeira un córner despexado pola defensa baiesa, chégalle a Juni na frontal, que sen oposición remata e o balón vaise lambendo o poste (min.69). E na segunda, un novo córner e mesma xogada, balón despexada pola defensa que lle cae a un berdillés na frontal, pero o seu lanzamento resulta mordido e vai cara a Parafita que engancha unha preciosa chilena que é despexada en fenomenal intervención por Diego, pero o seu rexeite quédalle franco a Fuentefría, que cabecea pracidamente á rede (min.74). A partir de aquí o Baio intentou o empate con máis corazón que cabeza, cun San Lorenzo pertrechado atrás, e cun Diego Varela en punta loitando os balóns que lle chegaban. Nun deles presentouse na área, e tras driblar a Mario, bateu por baixo a Diego e sentenciaba o encontro (min.87).
Foi esta a primeira derrota no Platas Reinoso desta temporada, e a terceira da temporada, que fan que o Corme se escape a cinco puntos, e que por detrás cheguen perigosamente Mazaricos e Ponteceso, xa a tiro de pedra do Baio. E a vindeira semana, dobre enfrontamento entre os catro primeiros, coa visita do Corme ao Pino de Val, e do Baio a Ponteceso. Xornada importante para o devir da competición.


No hay comentarios:

Publicar un comentario