C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

9 ene 2017

OUTRO GRAN DE AREA

S.D. LAXE 1 - C.D. BAIO 5

Yago regresaba despois de case tres
meses da súa lesión e volvía recaer
Despois de 23 anos volvía o CD Baio xogar un partido ligueiro en Laxe e facíao cunha clara vitoria, que polo visto no campo se antolla curta para os méritos duns e doutros, e é que os rapaces de Pedro tiveron o partido máis tranquilo como visitantes do que se leva de liga. Eran varios os ex-baieses que se aliñaban no cadro local, tanto os formados en categorías inferiores como os que chegaron ao primeiro equipo, pero nin ese plus foi suficiente para achegar o rendemento que a día de hoxe hai entre os dous conxuntos. O equipo baiés foi amo e señor do partido, xogado ás veces cunha excesiva relaxación e só a falta de definición ou as boas intervencións de Jacobo evitaron un resultado aínda máis avultado. Boa entrada no Cabo da Area, con máis de 200 espectadores, na súa maioría baieses.
Era tal a superioridade que amosaba no seu xogo o conxunto visitante, que parecía que se esquecía de rematar á porta con perigo no comezo do partido. A primeira ocasión clara non chegaría ata o min. 22 e veu das botas de Mario, que só ante o porteiro, decide regatealo e cando xa estaba superado o seu lanzamento é sacado por un defensa (min.22). A partir de aquí o Baio acurralou ao Laxe no seu campo e chegaron con claridade á área local. Pouco despois da recaída da súa lesión por parte de Yago, que deixaba o seu posto ao aínda renqueante Porto, chegaba o primeiro gol do encontro, e viña dunha boa xogada por banda de Javi Suárez, que remata coa definición de Isaac no segundo pau (min.25). O meta local Jacobo teria ocasión de lucirse ante Martín MC, nun bo lanzamento do dianteiro (min. 32), antes de que chegase o segundo, nun pase en profundidade de Norberto sobre Javi Suárez, que se introduce na área e cede para que Martín MC poña o 0-2 (min. 38). Con ese resultado chegouse ao descanso.
Isaac, que se estreou como goleador,
foi o baiés que máis minutos xogou
na primeira volta ligueira
De volta do vestiario a decoración seguiu sendo a mesma, co Baio dominando o encontro, sen que o Laxe atopase a maneira de chegar á portería de Recarey. Unha nova xogada de Javi Suárez acabou cun cento que é cortado coa man por un defensa dentro da área; de converter o penalti encargouse Martín MC para poñer o 0-3 (min.53). Puido marcar Javi Suárez de remate de cabeza tras saque de córner e deixada no segundo pau de Porto, pero Jacobo atallou sobre a liña de gol (min. 58). O carrusel de trocos alentaron un partido que decaía neste segundo período, no que o Baio xogou a medio gas, pero Javi Suárez seguía facendo das súas e tras xogada maradoniana cedeu a Rubio, pero o seu lanzamento a queimarroupa é sacado por nun defensa (min.81). Tivo premio ao seu partidazo o Killer de Quintáns, e a pasa da morte de Santi Díaz poñía Javi Suárez o 0-4 (min.83). Para sorpresa de todos chegou ao minuto seguinte o gol local, na súa única ocasión do encontro, pero Miguel Varela atopou as redes da portería baiesa de forte lanzamento desde fóra da área. Pouco despois nova ocasión para o Baio e Martín MC completaba un novo hat-trick nun balón que só tiña que empurrar no segundo pau e poñía o definitivo 1-5 (min.87). Puido aumentar a conta Santi Díaz, que tamén reaparecía tras un par de meses lesionado, pero tras irse de todos os defensas o seu remate cruzado ante a saída de Jacobo bate no pau, e o rexeite non o aproveita Martín MC, que envía por riba do traveseiro (min. 89). 
Vitoria máis que clara do conxunto baiés ante un Laxe que se veu abaixo co primeiro gol, e que apenas creou xogadas de perigo ante a porta visitante. O Baio suma tres puntos máis nesta última xornada da primeira volta e segue no segundo posto da clasificación, a dous do líder Corme. A vindeira semana iníciase a segunda volta con visita ao Municipal vimiancés ante o Baíñas.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: S.D. CORISTANCO 5 - C.D. BAIO 2

Na tarde do sábado visitaba o conxunto xuvenil do CD Baio a Rocheira, onde se congregaron máis dun cento de espectadores para ver o partido que os enfrontaba ao necesitado conxunto local. E o marcador final non dá mostra do igualado que foi o encontro, polo menos mentres a vantaxe non foi definitiva, pois só cinco minutos malos dos baieses decantaron a balanza a favor dos locais. É que o equipo local necesitaba a vitoria como auga de maio pois tiña que meterse entre os tres primeiros e disputar a segunda fase da liga. Pero quen saíu máis enchufado e dominando o partido foi o Baio, que se adiantou axiña por medio de Estefan, que se aproveitou dun rexeite na área local. Aínda non repostos do golpe, Sergio remata de forma espléndida un saque de esquina e poñía o 0-2 cando se cumprían os 10 minutos de xogo. Pero un erro na saída do balón e unha falta posterior provocou o primeiro gol dos locais, cun magnífico lanzamento de Dani pola escuadra, e uns posteriores cinco minutos de caos no equipo baiés. Apenas un minuto despois, unha indecisión entre porteiro e defensa é aproveitada por Álex para poñer a igualada, e un par de minutos despois un tiro mordido de Diego cóase na meta do Baio para poñer a remonta no marcador ante a sorpresa de todos.
Sergio marcou o seu 6º gol na liga
Despois do golpe sufrido intentou o Baio achegarse de novo á meta local e recuperar o bo xogo dos minutos iniciais, pero os remates chegaban con pouca convicción. Pola contra o Coristanco disfrutaba do seu fútbol e as contras eran o pan de cada perda de balón dos baieses, pero tampouco tiñan o seu día os dianteiros coristanqueses. Foi medida a segunda parte cando Iván sentenciou o encontro ao rematar un balón rexeitado por Cedrón e poñía o 4-2. Aínda que o seguiu intentando o Baio non logrou recurtar distancias, e co tempo xa cumprido nun saque de esquina Adrián poñería o 5-2 definitivo ao rematar un balón morto na área.
En definitiva, bo partido do Baio coa estrea de Fredi no banco, que se viu empañada polos cinco minutos malos da primeira parte, pero que competiron ante un rival que se xogaba a súa clasificación para a segunda fase ligueira, na que o acompañarán o Pedreiras e o Ponteceso, que na tarde de onte se coronaba como campión do grupo. Pouco queda xa desta liga, que terá o seu epílogo o vindeiro sábado co derby ante o Sp. Zas no Platas Reinoso, e a vista posta xa na futura Copa.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte

No hay comentarios:

Publicar un comentario