C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

12 ene 2017

LIGA DA COSTA: AS OUTRAS CLASIFICACIÓNS

MINUTOS XOGADOS, GOLEADORES, XOGO LIMPO

Rematou a 1ª volta na Liga da Costa e tras estas 17 xornadas disputadas, podemos establecer varios tríos: un trío cabeceiro (Corme, Baio e Mazaricos), un trío perseguidor (Ponteceso, San Lorenzo e Camariñas), un trío en terra de ninguén (Malpica, Castriz e Cerqueda) e tres tríos (o resto) que loitan por evitar as tres prazas de descenso e as que se poidan engadir dos temidos arrastres, que este ano volverá haber á vista de como está a 3ª División. Pero nin moito menos isto vai ser definitivo e destes tríos pódese saír para arriba ou para abaixo; toda unha segunda volta hai para velo.

Queremos agora aquí traer outras clasificacións que xiran ao redor da Liga da Costa. Como sempre pica na imaxe para agrandala:

MINUTOS XOGADOS

A primeira clasificación que ofrecemos é a dos minutos xogados polos distintos xogadores da Liga da Costa, a teor das actas publicadas pola FGF. Aquí vos ofrecemos os 60 primeiros, encabezados polos catro protagonistas que disputaron todos os minutos da 1ª volta: o porteiro Paulo (Cee) e os centrocampistas David García (Mazaricos), Martín Nieto (Esteirana) e Míchel Sande (Cerqueda). Na última xornada quedou fóra deste grupo de elixidos Miguel Dourado (Buño), que foi substituído por vez primeira por causa dunha lesión. Tamén podería figurar con eles o cormelán Lucas, pero viu como se perdía un minuto ao ser substituído no 89 nunha ocasión. 
Ata 23 xogadores foron titulares nestas 17 xornadas, aínda que non todos tiveron igual distribución de minutos, como podedes comprobar. Cómpre destacar o escaso número de porteiros que hai entre os 60 primeiros, pois, en contra do que cabía esperar, só atopamos catro: Paulo (Cee), Miguel (Mazaricos), Javi Souto (San Lorenzo) e Martín (Porteño). Outro dato que queremos resaltar é a presenza de 5 xogadores do Mazaricos entre os 30 primeiros: David Gª, Miguel, Matías, Estéfano e Pereiro. 

GOLEADORES

Seguindo as crónicas de La Voz de Galicia e Quepasanacosta establecemos aquí a clasificación dos principais goleadores da Liga da Costa. Esta ten un líder claro, como é o cormelán Alejo, que leva nada menos que 28 goles nos 17 partidos. Detrás del figura o baiés Martín MC, que con 19 goles tamén supera a media de 1 por partido. Completa o podio o berdillés Fuentefría, con 13 goles. 
Co número de tantos que leva Alejo, ben se pode bater a marca do ano pasado de Adrián Makaay (41/42 goles, segundo criterios). Pero ollo, que o fisterrán levaba a temporada pasada tan só 12 goles ao final da primeira volta. O líder era Álex Flores (Castriz, 21), seguido de David Blanco (Zas, 20) e Estéfano (Mazaricos, 18). Ao remate quedaron detrás de Makaay, David Blanco (38), Álex Flores (33), Yuyo (Camariñas, 31) e Fuentefría (San Lorenzo, 29).
Nesta primeira volta conseguíronse 16 hat-tricks e tan só 1 póker. Este foi obra de Fuentefría (San Lorenzo) e os 16 tripletes foron repartidos entre dez xogadores: Martín MC (4), Alejo (3), Yuyo (2), e con 1: Cololo (Malpica), Fuentefría (San Lorenzo), Geiko (Monte Louro), Javi Suárez (Baio), Juan de Celia (Monte Louro), Juni (San Lorenzo) e Soule (Camariñas).
A temporada pasada Adrián Makaay conseguiu 1 póker e 3 hat-tricks, pero David Blanco sumou 2 hat-tricks, 3 pókers e 1 repóker.

XOGO LIMPO

Seguindo unha idea promovida a temporada pasada pola FGF, e que ao final parece que quedou en nada, recollemos unha clasifición por equipos á que se lle debería dar a súa importancia. Noutros tempos aparecía mesmo patrocinada por grandes empresas galegas en moitas das súas categorías.
A clasificación establécese, seguindo o proposto pola FGF, polos cartóns amosados polos colexiados e as sancións que estes conleven. Así, cada cartón amarelo sumará 1 punto, a expulsión por dobre cartón amarelo sumará 2 puntos (un por cartón) e a expulsión por vermello directo sumará 3 puntos, que se multiplicarán polo número de partidos/semanas de sanción que esa expulsión conleve.
Ao remate da primeira volta, o Mazaricos CF é claramente o líder desta clasificación, seguido a certa distancia por Corme e Baio -este empatado co Coristanco-, o que significa atoparnos de novo co trío cabeceiro da clasificación da Liga da Costa.

1 comentario: