C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

16 ene 2017

NINGUÉN DIXO QUE ÍA SER FÁCIL

C.D. BAÍÑAS 2 - C.D. BAIO 2

Esta frase ben se pode aplicar ao CD Baio despois do encontro desta semana no Municipal de Vimianzo fronte ao CD Baíñas, conxunto que se atopa nos postos baixos da clasificación, pero que polo visto nos dous enfrontamentos que tivo cos baieses esta temporada podería estar moito máis arriba. E isto é o que vai atopar o conxunto baiés de aquí ao final da liga, conxuntos que o van dar todo porque quen máis quen menos se está a xogar algo, e claro está, cada vez queda menos tempo.
O partido de onte presentábase de inicio cun conxunto baiés dominando o balón e o partido, e o Baíñas agardando atrás e con balóns en longo cara ao seu dianteiro Pablo Muíño. A primeira ocasión veu nas botas de Martín MC, que botou un córner pechado e o balón tras superar ao porteiro peta no traveseiro e Porto non consegue aproveitar o rexeite (min.4). Numerosas chegadas dos baieses sucedéronse nos seguintes minutos, pero faltaba o remate final; remate claro que tivo nas súas botas Martín MC no min.28, tras un balón colgado á área, pero o seu remate en boca de gol vaise fóra para asombro de todos. Foi o preludio do primeiro gol do partido, que chegou dun balón recuperado en campo propio e Rubio envía en profundidade para Javi Suárez, que tras gañar en velocidade á defensa bate de remate cruzado a Maikel (min.30). Novas chegadas do Baio con remates pouco perigosos ante un Baíñas, que modificou o seu esquema, abandonando Braulio o posto de central para situarse no centro do campo. Mais non se moveu o marcador a pesar do dominio baiés.
Principiou a segunda parte cun Baio confiado e o Baíñas apostouno todo coa dupla atacante Pablo Muíño-Braulio, con Víctor na mediapunta. E atopou o gol nun saque de falta colgado á área e Braulio, libre de marca, remata de cabeza a gol (min.52). Este gol descentrou aos baieses, que perderon o control do encontro. Con todo, nun arrouto chegou un minuto despois unha clara ocasión, con varios rexeites na área baiñesa, e un tiro final de Isaac, que sacou un defensa baixo paus. Pero o descontrol do partido era evidente, e diso aproveitouse ao Baíñas, para lanzar un balón en longo que Pablo Muíño lle gañou no corpo a corpo a Norberto, e só ante Diego bateuno por baixo para remontar o marcador (min.56). O Baíñas fixo o seu partido, e o Baio caiu nel, e non saíu del ata a entrada de Martín, que puxo orde no centro do campo. Volveron achegarse á área baiñesa, e nun lanzamento de falta por parte de Martín MC, é peiteado no primeiro pau por Braulio e o balón entra na súa propia portería (min.73). Ao minuto seguinte puido marcar Javi Suárez, pero tras revolverse na área o seu disparo foise lambendo o pau. Os últimos vinte minutos foron un asedio por parte baiesa, co Baíñas limitándose a defender, aínda que Braulio daría un susto ao internarse na área, pero Mario chegou rápido ao corte. Pero as ocasións máis claras chegarían para os baieses, principiando por unha de Martin MC, que tras recibir un pase de Martín, preséntase ante Maikel pero non consegue superalo (min.79). E será o propio porteiro baiñés o que se luza na parada da tarde nun remate de Luis despois dunha falta lateral (min.86). E novamente Luis tería na súa cabeza o gol, pero nesta ocasión o seu remate é sacado por un defensa baixo paus, co porteiro xa batido (min. 89). Os minutos de desconto serviron pra que Norberto vise o seu segundo cartón amerelo por unha falta sobre Pablo Muíño. 
En definitiva, dous puntos que voian das arcas baiesas, que por ocasións ben mereceu gañar o partido, pero os primeiros quince minutos da segunda parte meteron o Baíñas de cheo no encontro e conseguiu colleitar un punto. Son xa 4 os puntos de vantaxe que ten o Corme, e sobe a 4 os de vantaxe sobre o Mazaricos, que onte perdeu en Ponteceso, un equipo que se achega perigosamente a seis puntos. A vindeira semana iníciase o Tourmalet, coa presenza do primeiro dos equipos cabeceiros no calendario baiés.  



C.D. BAIO 6 - SP. ZAS 2

Rematou a Liga da Costa Xuvenil co derby entre o CD Baio e o Sp. Zas, que deixou un encontro disputado e con moitos goles, que serviu para que os espectadores puidesen ver un bo espectáculo. Principiou ben o equipo baiés, e a raíz diso chegou o primeiro gol obra de Damián (min.12), pero axiña viría o empate por medio de Daniel (min.20). Mantívose igualado o choque, pero antes do descanso unha boa combinación rematará co gol de Mohedano (min.35). Mantívose a igualdade no principio da segunda parte, e o Zas aproveitou a súa oportunidade para empatar por medio de Christian (min.56). Pero axiña chegou a reacción baiesa, e Sergio rematou no segundo pau unha falta botada por Fran (min.58). A partir de aquí a superioridade baiesa foi manifesta, e os zasenses non fixeron fronte, lastrados ademais pola falta de trocos. Os goles foron sucedéndose: o primeiro deles obra de Sergio (min.66) de precioso lanzamento desde 30 metros de vaselina por riba de Ferreiro; Josiño aproveitou un pase en longo e presentouse só ante o meta visitante e bateuno na súa saída (min.75) e pechou a conta Fran cun lanzamento de falta desde medio campo, que sorprendeu a un adiantado Ferreiro. 
Aquí remata a liga para o CD Baio nun xa consabido 6º posto final, quizais máis baixo do agardado polos propios xogadores a principio de liga, pero agora tócalles centrarse na próxima competición copeira para demostrar todo o potencial que atesouran.


No hay comentarios:

Publicar un comentario