C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

28 nov 2016

A VIDA SEGUE IGUAL

CORME C.F. 1 - C.D. BAIO 1

O CD Baio estreou nova equipación patrocinada por GASTHOF
Impresionante partido o disputado no Cairo entre dous dos mellores equipos da Liga da Costa, cun grande ambiente nas bancadas, con máis de 300 espectadores nunha tarde solleira, que só tivo como punto negativo a actuación arbitral, pois o trío que foi designado para impoñer xustiza non estivo á altura dun encontro desta importancia. Non adoitamos falar aquí de actuacións arbitrais, pero hoxe temos que facer unha excepción para reflectir a estraña actuación dun colexiado ao que lle quedou grande o partido. Fóra de decisións máis ou menos atinadas, en varias ocasións o colexiado rectificou a súa primeira decisión para desesperación de xogadores e seareiros, que non saían do seu asombro, ademais de amosar un enorme número de cartóns para o visto no terreo de xogo, cando son dous dos conxuntos máis limpos do campionato.
En todo caso, os xogadores foron os protagonistas do encontro, e disputaron un partido vibrante, igualado, e algo menos tolo que o celebrado hai vinte días no torneo copeiro. Os dous trataron de minimizar riscos e manter as costas gardadas antes que botarse ao ataque sen mirar atrás. Todo puido cambiar no minuto 6, cando un erro de Norberto ao ceder atrás déixalle o balón franco a Alejo, pero o seu forte remate é despexado por Diego, o balón vai ao traveseiro e volve atrapar o gardameta. A seguinte ocasión clara tería que esperar á media hora, e veu dunha xogada por banda de Martín MC que centra ao corazón da área e Javi Suárez libre de marca remata de cabeza fóra. E a terceira e última grande ocasión desta primeira metade chegou no último minuto, nunha contra levada por Martín MC, que cede en profundidade para Javi Suárez, que se interna na área e cando vai rematar un defensa parece que o derruba. O árbitro sinala penalti, e cando todos estaban xa dispostos para o lanzamento, linier incluído, o colexiado cambia de idea e marca falta a favor do Corme. Coa xente pasmada chegouse ao descanso sen goles, nun primeiro tempo moi igualado.
Martín marcou o gol 2500 en liga do Baio
Principiou a segunda parte co Baio controlando máis o partido, e un Corme máis acazapado, deixando só a Alejo arriba cun Lucas de mediapunta, pero os demais máis pechados atrás. E aos 56 minutos chegou o gol do Baio, nun lanzamento de falta que marcou Martín de forte lanzamento. Histórico gol 2500 en campionato ligueiro do club baiés, que quixo dedicarllo ao ex-porteiro e delegado Manuel, que se operou esta semana e que se atopaba na bancada. O colexiado, a instancias do linier, sacoulle cartón a Martín MC, para rectificar de novo e sacarllo a Martín. Puido matar o partido aí o Baio pois ao Corme sentoulle mal o tanto, e non atopaba o seu xogo a pesar de ter superioridade numérica no centro do campo. Pero nestas chegou un centro sen apenas perigo que detivo con comodidade Diego, pero o colexiado apreciou falta na protección que Norberto fixo do seu porteiro sobre a chegada de Lucas e sinalou penalti, ademais de expulsar a Norberto por ver o segundo cartón. Alejo non fallou e empatou o partido (min.76). Aquí o Corme ulíu o sangue o veuse arriba e a piques estivo de gañar nun remate de cabeza de Lucas, que desviou Diego a córner en felina intervención (min.83). Pero tamén puido gañar o partido o Baio, nun saque de falta rápido de Martín MC sobre Moreno que se internou na área e o seu lanzamento quedou entre as pernas de Illote (min.89). Cun novo rifirrafe por outra decisión arbitral, que lle sacou cartón a Martín MC por perda de tempo, e as protestas dos locais que reclamaban a expulsión, pois moitos descoñecían a rectificación que fixera antes, entre eles o propio linier que tampouco coñecía o erro anterior. Rematou o partido co colexiado tratando de xustificar as súas decisións ante uns e outros, pero o público quedou cun bo sabor de boca dun partido disputado e bonito, no que calquera dos dous puido gañar e o empate deixa as cousas como estaban, máxime cando os perseguidores tamén empataron.

XUVENIL: C.D. BAIO 4 – CORME C.F. 0

Dentro do dobre enfrontamento entre baieses e cormeláns, na tarde do sábado viviuse o primeiro capítulo coa celebración do partido entre os xuvenís dos dous clubs. E os que estiveron no Platas Reinoso puideron ver un excelente encontro do conxunto local, que deu mostra do fútbol que levan dentro os seus futbolistas. A primeira parte estivo máis igualada ata que chegou o primeiro gol baiés, que veu dun lanzamento de falta que remata Luis, despexa o porteiro pero o balón rebota en Manu Bermúdez e introdúcese na súa propa portería. Puido Santi marcar o segundo, pero o seu lanzamento foise fóra, antes de chegar ao descanso.
No segundo tempo, o Baio plantouse ben atrás concendendo poucas oportunidades aos visitantes de achegarse á meta de Cedrón, e o gran traballo defensivo deu os seus froitos en ataque. David Mohedano aproveitaba un rexeite do porteiro para fusilar a meta cormelana e sentenciar o partido. E chegarían dous goles máis para o Baio obra de Sergio, o primeiro tirando a colocar á escuadra desde fóra da área, facendo inútil a estirada do porteiro; e o segundo logo dun córner ensaiado, rematando de cabeza un centro de Josiño. A superioridade local foi incontestable e o bo traballo de todos fixo que sumasen un cómodo triunfo, mantendo a boa liña que se via nestas últimas semanas. A vindeira semana, novo partido na casa, pois visita o Platas Reinoso o Laxe.


25 nov 2016

PREVIA DO CORME CF-CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1791
690
416
685
2931
2980
TOTAL LIGAS
1568
599
360
609
2499
2615
LIGA DA COSTA
806
317
155
334
1467
1542

Recente partido de Copa
[foto: Fin Lema]

Desde que se fundou en 1980, o Corme CF vén competindo ininterrompidamente, polo que son 37 as temporadas que leva en activo. Con este número ocupa o posto 18º entre os clubs costeiros, mais se miramos polo número de partidos subiría ata o 15º. Desas campañas 7 foron na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, 3 na 3ª Rexional e as outras 27 na Liga da Costa. Estas temporadas fai que se sitúe na 11ª posición, mentres que se nos atemos aos partidos xogados sería 10º nesta categoría. Curiosamente, o pasado domingo chegou aos 800 partidos na Liga da Costa, que son seis menos que os disputados polo Baio. Os seus éxitos veñen dados pola consecución de 3 Ligas da Costa (87-88, 95-96 e 13-14) e 1 Copa da Costa (98-99), á parte de perder outra final deste torneo (14-15). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

CORME C.F.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1116
450
227
439
1782
1900
LIGA DA COSTA
800
335
169
297
1342
1329

Desde que se fundou, o Corme coincidiu co Baio en 18 temporadas, das que 4 foron na 1ª Rexional/Autonómica e o resto na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento foi o 1 de febreiro de 1981, en terreo cormelán, que rematou con empate (1-1).
As estatísticas globais marcan unha superioridade do conxunto baiés, pois só perdeu no 25% dos enfrontamentos. Máis igualadas están nos partidos disputados en Corme, cunha lixeira vantaxe do equipo cormelán, que suma unha vitoira máis. Estas confrontacións tiveron un distinto signo ao longo da historia. Nas tres primeiras temporadas consecutivas, os rexistros móstranse bastantes igualados, aínda que na 82-83 o Baio campión de liga gañou con solvencia os dous partidos. Para que se volvesen atopar haberá que esperar ata a 89-90, e durante catro temporadas, o Baio gañou tanto os partidos xogados na casa como en Corme, algún deles por goleada. O novo ascenso do Baio ata a Preferente fixo que pasasen varios anos sen cadrar no mesmo grupo. Isto produciuse na 1ª Rexional Provincial, e foi nas 99-00 e 00-01, con vitoria de cada un na súa casa na primeira, e dobre triunfo baiés na segunda.
Tras o descenso do Baio á Liga da Costa na 06-07, os dous disputaron sete campañas consecutivamente no mesmo grupo. Nelas o Baio non gañou ningún partido como visitante, e o máximo que logrou foi empatar en tres ocasións, mentres que o Corme empatara dúas veces en Baio e gañara noutra. Co ascenso dos dous á 1ª Autonómica semiprovincial, volveron coincidir nas dúas últimas temporadas; nas dúas gañou o Baio como local, e no Cairo deuse un empate (2-2) na 14-15 e vitoria do Corme (2-0) na 15-16.
Polo tanto, e a pesar da igualdade das estatísticas en terreo cormelán, o Baio non gaña como visitante desde a 00-01 (1-5), cando os dous equipos estaban na 1ª Rexional Provincial.


Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
36
20
07
09
85
47
Xogados en Corme
18
06
05
07
35
29

O partido do domingo

o 11 do Corme contra o Ponteceso [Foto: FB Ponteceso]
Este domingo chega o enfrontamento máis interesante da xornada e quizais do que vai de liga, pois disputado máis dun terzo da competición, os dous figuran na cabeza da clasificación, empatados a puntos, aínda que por goles ocupa o Corme o liderato. Cun plantel practicamente similar ao do ano pasado, as únicas novidades subliñables son a fichaxe de Uru (Malpica), que veu suplir a baixa de Juan Chans; mentres que o outro troco está na volta de Lente ao banco, que fai que o equipo reverdecese os éxitos que colleitou con el ao mando.
Ata o momento utilizou 19 xogadores, dos que 3 son aínda xuvenís, pero con importancia no equipo. Alternándose Suso e Illote na portería, son oito os xogadores que podemos considerar fixos, pois participaron de inicio na práctica totalidade de partidos. Son estes Jesús, Alejandro e Pandi, na defensa; o xuvenil Eloy, Lucas, Brais Corral e Uru, no medio; e Alejo e Toniño na dianteira. Aínda que Alejandro e Toniño poden actuar en calquera posición do campo. Para os outros postos pelexan Adrián Doldán, Dani Cousillas ou Sergio Sueiro. Do banco adoitan saír normalmente Brais Torrado, Diego Bermúdez ou os xuvenís Manu Bermúdez e Aitor.
O Corme mantense nesa primeira posición sen perder ningún partido, mentres que empatou tres deles, un na casa (co Mazaricos) e dous fóra (con Cee e Porteño). Conta por vitoria os seis últimos partidos, cunha gran facilidade goleadora. Pois é o máximo goleador do grupo, con nada menos que 42 goles, o que significa unha media de 3'5 goles por partido, mentres que é o segundo menos goleado, con 14 tantos encaixados. O máximo goleador, e do grupo, é Alejo, que leva 17 goles; a el séguenlle Toniño con 6, Lucas con 5, e con 3 están Eloy e Sergio Sueiro.
O Baio leva tamén unha boa xeira, con cinco vitorias consecutivas, e chega a este importante partido con boas sensacións, e co recordo do recente encontro da Copa da Costa disputado no Cairo a comezos deste mes que rematou en empate. Agardemos que os dous conxuntos rememoren ese partido e nos ofrezan un espectáculo similar cheo de goles e ocasións.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
CORME C.F. - C.D. BAIO
Domingo 27 de novembro; 16:00 h.
Saída de Baio ás 14:15 horas
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Héctor Pérez Álvarez.


XUVENIL: C.D. BAIO – CORME C.F.

Esta fin de semana teremos dobre confrontación Baio-Corme, pois tamén na liga xuvenil van xogar estes dous equipos, neste caso no Platas Reinoso. Tras a brillante vitoria a semana pasada en Camariñas, cun gran despregamento atacante que fixo que se desen moitas oportunidades de gol, recibe ao Corme para refrendar o seu bo estado de xogo. Non o poñerá fácil o equipo cormelán, que grazas ás últimas vitorias (4 nos últimos 5 partidos), meteuse de cheo na loita polo título e por meterse na segunda fase ligueira. Ocupa actualmente a 4ª praza con 25 puntos, pero ten o terceiro a dous puntos e a catro o liderato. O seu máximo goleador, Manu Bermúdez (con 8), é un habitual das convocatorias do equipo sénior, como tamén o é, aínda que menos, o segundo, Aitor (con 5).
Na primeira volta o Baio conseguiu empatar no Cairo (2-2), mais o resultado non fixera xustiza á superioridade mostrada polos baieses en moitas fases do encontro, no que quizais foi o mellor partido do Baio na primeira volta. Agardemos que se repita o visto na ida, e o conxunto baiés volva ofrecer a súa mellor versión.

XUVENIL (1ª Autonómica – Grupo 3º)
C.D. BAIO – CORME C.F.
Sábado 26 de novembro; 16:15 horas
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Ángel Acuña Piñeiro.





21 nov 2016

VITORIA PRACEENTEIRA

 C.D. BAIO 2 - U.C. CEE 0

Mario volveu aos campos
despois de varios meses
Nova vitoria baiesa ante un rival histórico, o UC Cee, nunha tarde fría e chuviñenta, que non foi impedimento para que se desen cita no Platas Reinoso algo máis de 200 persoas. O partido non foi moito mellor que o tempo, cun Baio moi impreciso, sobre todo na primeira metade, e un Cee que demostrou por que é o menos goleador do grupo, pois non puxo nunca en apuros a portería local.
Cun equipo visitante pechado atrás o Baio intentaba mover o balón, pero este non fluía coa velocidade doutras veces e as imprecisións eran constantes. Moi poucas ocasións de gol neste período, e tan só podemos salientar a ocorrida no min.18, cando logo dun córner dispara Martín MC desde fóra da área e o balón rexéitao Paulo, Isaac adiántase á defensa e consegue disparar pero de novo Paulo intervén para desviar a córner. A segunda ocasión foi o primeiro gol baiés, que chegou dun pase en profundidade de Martín cara a Martín MC que se presenta ante Paulo, ao que deixa sentado cun quebro e marca a pracer (min.33). Pouco máis que contar desta primeira parte, na que o Cee non chegou a pisar a área local.
Saíu o Baio na segunda metade disposto a sentenciar o encontro, pero non estivo atinado de cara a porta. No min.47 recibe Martín na frontal da área e lanza a colocar ao segundo pau pero sae lambendo o poste. Dous minutos despois triple ocasión despois de que o balón chegase a Martín MC que lanza un potente disparo que bate no traveseiro e bota dentro do campo, o balón chega a Javi Suárez que centra para Rubio pero o seu disparo sácao Paulo e volve de novo para Martín MC, que con apenas ángulo dispara ao lateral da rede. No min. 61 o Cee quedaría cun home menos ao ver Julito o segundo cartón amarelo ao cortar unha internada de Martín MC na área. No lanzamento desa falta por parte de Martín, nin os atacantes conseguen rematar con claridade nin a defensa sacar o balón e este chega a Isaac que lanza un potente disparo que bate no pau. Acosaba o conxunto baiés, e tras un erro do porteiro na saída do balón aprovéitase Martín MC, que o supera por alto e cando se cantaba o gol Chema saca de cabeza baixo paus a córner. No lanzamento do córner remata Rubio e Paulo lúcese enviando a córner. Fon minutos de agobio do equipo local, que non aproveitou para sentenciar, pero tampouco se vía perigo no Cee, a pesar dalgún intento de Juan por achegarse á meta de Recarey.
No minuto 80 produciuse o debut esta temporada de Mario, logo da lesión sufrida a finais da temporada pasada. E un minuto despois chegou o segundo gol local, nun balón servido polo propio Mario sobre Javi Suárez, e o centro deste buscando no segundo pau a Martín MC é interceptado por Noé, marcando na súa propia portería. Puido anotar o terceiro da tarde Javi Suárez nunha grande oportunidade, pero desaproveitou un man a man con Paulo, que conseguiu desviar a córner (min.87).
Suma trinta puntos con este triunfo o conxunto baiés, que o mantén empatado co líder Corme. E a vindeira semana enfrontaranse os dous no Cairo, nun partido que nin moito menos vai ser decisivo pero si moi importante para a moral dos dous equipos.


XUVENIL: CAMARIÑAS F.C. 4 – C.D. BAIO 7

Chuvia de goles no Hermanas Patiño na tarde do sábado, que veu acompañar a mala tarde climatolóxica que tiveron que soportar os xogadores dos dous conxuntos. Principiou enchufado o equipo local, e o seu goleador Brandon marcaba o primeiro no min.4, e só dous despois outro dos habituais das convocatorias do equipo sénior, Pablo Mouzo, poñía o 2-0. Pero reacionou moi ben o conxunto baiés, e Mohedano e Santi poñían o empate antes da media hora; e aínda viñeron máis pois antes do descanso Efe e Mohedano poñían un claro 2-4.
Meteuse de novo no partido o Camariñas ao marcar de novo Brandon, pero dous minutos despois Manuel María poñía terra de por medio. Chegaron nos minutos finais tres goles máis, primeiro Fran puxo o 3-6, e ao minuto seguinte Pablo Suárez recurtaba distancias e xa no desconto Sergio marcaba o definitivo 4-7. Moi bo partido dos baieses que souberon reaccionar ao mal inicio e co paso dos minutos demostráronse moi superiores e incluso puideron marcar máis goles e traer un resultado máis contundente. Agora o Baio ten dous partidos seguidos na casa, ante Corme e Laxe, nos que ten a oportunidade de seguir sumando puntos e demostrar o seu bo momento de xogo.


18 nov 2016

PREVIA DO CD BAIO-UC CEE


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1790
689
416
685
2929
2980
TOTAL LIGAS
1567
598
360
609
2497
2615
LIGA DA COSTA
805
316
155
334
1465
1542


Última visita do UC Cee ao Platas Reinoso na 2012-13
Os dous clubs da Costa que máis temporadas levan disputadas desde que se iniciou a Liga da Costa na temporada 1963-64, enfróntanse este domingo no Platas Reinoso. O CD Baio leva competindo 54 temporadas consecutivamente, e o UC Cee suma 53, pois non participou na 75-76 cando tivo que facer unha importante reforma no vello campo das Raíces para adaptar as súas medidas ás regulamentarias.
Xa que logo, o Cee é o 2º en temporadas disputadas, pero é 3º en canto a partidos xogados, pois é superado polo Fisterra neste aspecto. Desas 53 campañas, 10 delas foron na Rexional Preferente, outras tantas na 1ª Rexional/Autonómica, e as 33 restantes na Liga da Costa. Isto supón que é 5º en número de temporadas disputadas nesta competición, pero 7º no tocante a partidos xogados. É, con diferenza, o club máis laureado da Costa, pois suma 6 Ligas da Costa (63-64, 64-65, 79-80, 91-92, 00-01 e 06-07), e 7 Copas da Costa (63-64, 64-65, 77-78, 79-80, 91-92, 92-93 e 06-07) das nove finais que disputou (perdeu nas 07-08 e 09-10). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

U.C. CEE
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1545
715
299
531
2879
2349
LIGA DA COSTA
807
436
152
219
1827
1145

Contando esa temporada inicial, os dous equipos coinciden nun total de 26 temporadas. Das anteriores 25, seis foron na Preferente, dúas na 1ª Rexional Provincial e o resto na Liga da Costa. O seu primeiro enfrontamento tivo lugar o 24 de maio de 1964, no campo das Raíces, e a vitoria foi local (6-1), mesmo resultado a favor do "acaparador Cee" no encontro disputado no Balsiño o 12 de xullo, na derradeira xornada desa primeira Liga da Costa.
As estatísticas son abrumadoras a favor do club ceense, sobre todo nas 13 primeiras temporadas (da 63-64 á 76-77, coa excepción da referida 75-76). Neses 26 enfrontamentos o Baio só gañou dúas veces e empatou en tres ocasións. As cinco seguintes confrontacións foron no último lustro da década dos oitenta, na Preferente, e os números xa se foron igualando, pois o Cee gañou os seus partidos como local e o Baio faría o propio (exceptuando un triunfo ceense na 85-86). Volveron cadrar na Liga da Costa 90-91, na que o Baio foi campión e gañou os dous partidos; nesta mesma década temos que saltar á 94-95 na 1ª Rexional Provincial, na que foron protagonistas os dous, pois o Baio foi campión e o Cee subcampión; nos seus enfrontamentos o Baio gañou na casa e empatou en Cee. Na seguinte campaña na Preferente o Baio goleou nos dous encontros, e deixarían de verse ata a 01-02, de novo na 1ª Rexional Provincial, e de novo o Baio se impuxo tanto na casa como fóra. Temos que volver á Liga da Costa para falar dos tres últimos enfrontamentos: na 06-07 o Cee empatou en Baio e gañou na casa, e ao ano seguinte gañou os dous encontros; a última vez foi na 12-13, e o Cee goleou no San Paio de Refoxos (3-0) e empatou no Platas Reinoso (0-0). Neste encontro disputado o 3 de marzo de 2013, xogaron polo Baio: Anxo, José Antonio (Fachal 88’), Mario, Ramón, Pablo (Fredi 54’), Norberto, Martín, Eloy Vilas, Rubio (Jorge 79’), Alberto (Christian 63’) e Martín MC. E polo Cee: Parroto, Nico, Jorge, Rubén Fiúza (Fermín 72’), Rafa, José Manuel (Berto 68’), Isma Leis (Llanero 63’), Diego Cespón, Víctor, Carlos Leis e Penedo.
En definitiva, as estatísticas xerais son moi favorables ao UC Cee, mentres que as dos encontros disputados en Baio fóronse equilibrando pouco.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
50
13
06
31
72
127
Xogados en Baio
25
10
03
12
44
54

O partido do domingo

11 do UC Cee no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
O UC Cee cambiou esta temporada de adestrador, apostando polo técnico dos xuvenís Rafael Suárez, e cunha boa renovación do plantel, que xunta grandes veteranos con rapaces novos procedentes dos xuvenís. Do Fisterra chegou Julito, do Muxía Noé, e do Dumbría Javi e Martín, mentres que subiron do brillante xuvenil o porteiro Paulo, e Álex Castro ou Samuel. Entre os que continúan da campaña pasada, temos que falar dos veteranos Leo, Juan ou Llanero, e dos clásicos ceenses como Penedo, Carlos Leis, Chiru, Jorgito ou Nico.
Principiou moi ben esta temporada con vitorias en Coristanco e na casa co Mazaricos, e chegou a empatar no Cairo ante o Corme. Veu despois unha derrota no derbi en Corcubión, para golear ao Porteño (4-0), e aí se acabaron os seus triunfos pois non gañou ningún dos seis últimos partidos xogados: derrota en Cerqueda e co Laxe, empate en Baíñas e co San Lorenzo, clara derrota en Ponteceso e empate a semana pasada fronte ao Malpica (2-2). Estes números colócano na 10ª posición, con 13 puntos. É o equipo menos goleador do grupo, con tan só 13 goles a favor, mais tamén encaixa poucos (15, un menos que o Baio). Os goles, ademais, están moi repartidos, pois Martín, Leo e Nico levan 2, e con 1 hai seis xogadores (ademais doutro marcado en propia meta por un rival).
Ata 26 xogadores utilizou Rafa, varios deles xuvenís, como é o caso de Chema, un fixo xa na zaga. Outros sete xogadores tamén os poderiamos considerar indispensables nos esquemas do adestrador ceense, como Paulo na portería, e na defensa Nico, Jorgito e Julito; tamén na parte dianteira Martín, Juan o Vello e Leo xogan habitualmente como titulares. A eles poderiamos engadir Esteban e Carlos Leis, polo que Javi, Noé, Uri ou Carlos alternan a titularidade coa suplencia. Desde o banco aparecen os Penedo, Chiru, Gabi, etc.
O Baio, despois da vitoria no difícil campo da Rocheira, nond ebe confiarse da mala xeira do club ceense das últimas xornadas, pois conta con xente de moita calidade que pode darlle un susto a calquera, como xa demostrou con Corme e Mazaricos.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – U.C. CEE
Domingo 20 de novembro; 16:15 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Martín García Gómez.


XUVENIL: CAMARIÑAS F.C. - C.D. BAIO

Visita o equipo xuvenil do CD Baio o campo das Hermanas Patiño para enfrontarse ao Camariñas, un dos clubs clasificados nos últimos lugares do grupo, pero que presenta unha irregular traxectoria, en función da presenza ou non dos seus xogadores máis destacados, que adoitan ir co equipo sénior o domingo. Desde logo, un deles é o dianteiro Brandon, que non só é o máximo goleador deste Grupo Norte xuvenil, con 14 goles, senón que é o máximo goleador do equipo sénior do Camariñas e un dos primeiros da Liga da Costa con seis tantos.
Na primeira volta o Baio conseguiu darlle a volta ao marcador e logrou vencer pola mínima ao cadro camariñán (2-1), con goles de Luis e Estefan. Mañá ten a oportunidade de sumar un novo triunfo, mantendo o bo nivel de xogo das dúas xornadas anteriores, a pesar das lesións que sufriu nas últimas semanas.

XUVENIL (1ª Autonómica – Grupo 3º)
CAMARIÑAS F.C. - C.D. BAIO
Sábado 19 de novembro; 16:15 horas
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: Hermanas Patiño (Camariñas).
Árbitro: Denís Añón Salgueiro.

14 nov 2016

VITORIA NA ROCHEIRA

CORISTANCO S.D. 0 - C.D. BAIO 3

Onte na Rocheira un "Javi-trick"
Logo de 23 temporadas, volvía o CD Baio á Rocheira para enfrontarse ao Coristanco SD, e como na última vez que xogou alí volveu cunha vitoria no peto. Acompañou o tempo aos 200 espectadores que se deron cita no campo bergantiñán, que viron unha vitoria clara do equipo visitante, que se mostrou superior e con fases de bo xogo a través do rexuvenecido Martín, aínda que o Coristanco tamén contou con algunha opción de gol clara. A última vez que o CD Baio xogara na Rocheira, Martín aínda era cadete, este domingo con seus 38 anos cumpridos, parecía un xuvenil. El foi o amo e señor do centro do campo e os cambios de xogo e pases de gol fixeron máis cómodo o triunfo baiés. E onte tivo en Javi Suárez o seu mellor aliado, e o killer de Quintáns acabou anotando un hat-trick. 
Xa desde o principio quedou claro que ía ser o Baio o que levase o peso do partido, mentres os locais se gardaban atrás e deixaban na punta a Magovi, para que dese saídas ao xogo de ataque local. A primeira grande ocasión do Baio chegou no minuto 6 grazas a un bo pase de Martín para a diagonal de Martín MC, que se presenta ante Brais, pero este consegue sacar a córner o balón cando xa se cantaba o gol. No min.17 sería Javi Suárez o que se presentase ante o porteiro local forcexando cun defensor e o seu remate era de novo desviado polo gardameta a córner. Á saída dese córner, remataba Norberto no segundo pau en posición inmellorable pero o balón foise lambendo o poste. O único achegamento local con perigo veu dun balón colgado que nin a defensa nin o porteiro conseguiron despexar con éxito, e Magovi remata forzado e case consegue sorprender a Recarey (min.28). Pero o Baio seguía na busca do gol, combinando de banda a banda, e obtivo o premio no minuto 42, tras unha boa combinación dos centrocampistas que chega a Martín MC, quen filtra o pase para Javi Suárez que só ante Brais, báteo por baixo. Con este resultado chegouse ao descanso, que facía xustiza á superioridade visitante.
Martín foi o amo do partido
Polo mesmo camiño parecía que ía a segunda parte, aínda que o Coristanco, coa entrada de Gonzalo, buscou con máis ansia a meta rival. E sería o dianteiro bergantiñán o que tivese a grande oportunidade dos locais, ao presentarse só ante Recarey pero o seu balón petaba no traveseiro e íase fóra (min.59). E como reza o dito, quen perdoa págaa e xusto na xogada seguinte chegaba o segundo do Baio, ao enviar Martín un pase en profundidade para Javi Suárez, que se internou na área e bate de tiro cruzado a meta local (min.60). Con este gol practicamente se finiquitou o encontro e o Baio dedicouse a conservar o balón con rápidas combinacións que facían imposible que os locais se achegasen con asiduidade á meta de Recarey. Pecharía o partido o terceiro gol visitante, que chegou nunha xogada por banda dereita de Isaac, que se adentrou na área e o seu disparo é rexeitado por Brais, pero o balón chégalle a Javi Suárez que coa zurda anotaba o seu primeiro hat-trick (min.68). Os minutos finais non tiveron máis historia que o debut oficial do porteiro Diego, que dispuña duns minutos despois da súa lesión na pretemporada.
Vitoria importante nun campo complicado que lle permite ao club baiés permanecer na parte alta da clasificación cando vai un terzo do campionato. A vindeira semana visita o Platas Reinoso o UC Cee, o club máis laureado da Liga da Costa.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: C.D. BAIO 0 – CABANA S.D. 1

Partido moi bo o disputado polos xuvenís baieses que non se viu recompensado no resultado, nun encontro moi igualado, pero que os locais foron os que buscaron con máis ansia a meta rival, e os que dispuxeron das mellores ocasións, pero unha contra no último minuto da primeira parte chegoulle ao Cabana para marcar o seu gol e sacar os tres puntos do Platas Reinoso. O equipo local tivo ademais o infortunio das lesións da súa columna vertebral no centro do campo, e tanto Estefan como Sergio tiveron que abandonar o terreo de xogo antes do previsto, e xa no segundo período, o bravo lateral Iago tamén caía lesionado e tiña que abandonar o campo. Agardemos que se recuperen axiña e poidan volver a xogar o antes posible. A próxima semana visita ao Hermanas Patiño para enfrontarse ao Camariñas.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte