CORME C.F. 1 - C.D. BAIO 1
O CD Baio estreou nova equipación patrocinada por GASTHOF |
Impresionante
partido o disputado no Cairo entre dous dos mellores equipos da Liga
da Costa, cun grande ambiente nas bancadas, con máis de 300
espectadores nunha tarde solleira, que só tivo como punto negativo a
actuación arbitral, pois o trío que foi designado para impoñer
xustiza non estivo á altura dun encontro desta importancia. Non
adoitamos falar aquí de actuacións arbitrais, pero hoxe temos que
facer unha excepción para reflectir a estraña actuación dun
colexiado ao que lle quedou grande o partido. Fóra de decisións
máis ou menos atinadas, en varias ocasións o colexiado rectificou a
súa primeira decisión para desesperación de xogadores e seareiros,
que non saían do seu asombro, ademais de amosar un enorme número de
cartóns para o visto no terreo de xogo, cando son dous dos conxuntos
máis limpos do campionato.
En
todo caso, os xogadores foron os protagonistas do encontro, e
disputaron un partido vibrante, igualado, e algo menos tolo que o
celebrado hai vinte días no torneo copeiro. Os dous trataron de
minimizar riscos e manter as costas gardadas antes que botarse ao
ataque sen mirar atrás. Todo puido cambiar no minuto 6, cando un
erro de Norberto ao ceder atrás déixalle o balón franco a Alejo,
pero o seu forte remate é despexado por Diego, o balón vai ao
traveseiro e volve atrapar o gardameta. A seguinte ocasión clara
tería que esperar á media hora, e veu dunha xogada por banda de
Martín MC que centra ao corazón da área e Javi Suárez libre de
marca remata de cabeza fóra. E a terceira e última grande ocasión
desta primeira metade chegou no último minuto, nunha contra levada
por Martín MC, que cede en profundidade para Javi Suárez, que se
interna na área e cando vai rematar un defensa parece que o derruba.
O árbitro sinala penalti, e cando todos estaban xa dispostos para o
lanzamento, linier incluído, o colexiado cambia de idea e marca
falta a favor do Corme. Coa xente pasmada chegouse ao descanso sen
goles, nun primeiro tempo moi igualado.
Martín marcou o gol 2500 en liga do Baio |
Principiou
a segunda parte co Baio controlando máis o partido, e un Corme máis
acazapado, deixando só a Alejo arriba cun Lucas de mediapunta, pero
os demais máis pechados atrás. E aos 56 minutos chegou o gol do
Baio, nun lanzamento de falta que marcou Martín de forte lanzamento.
Histórico gol 2500 en campionato ligueiro do club baiés, que quixo
dedicarllo ao ex-porteiro e delegado Manuel, que se operou esta
semana e que se atopaba na bancada. O colexiado, a instancias do
linier, sacoulle cartón a Martín MC, para rectificar de novo e
sacarllo a Martín. Puido matar o partido aí o Baio pois ao Corme
sentoulle mal o tanto, e non atopaba o seu xogo a pesar de ter
superioridade numérica no centro do campo. Pero nestas chegou un
centro sen apenas perigo que detivo con comodidade Diego, pero o
colexiado apreciou falta na protección que Norberto fixo do seu
porteiro sobre a chegada de Lucas e sinalou penalti, ademais de
expulsar a Norberto por ver o segundo cartón. Alejo non fallou e
empatou o partido (min.76). Aquí o Corme ulíu o sangue o veuse
arriba e a piques estivo de gañar nun remate de cabeza de Lucas, que
desviou Diego a córner en felina intervención (min.83). Pero tamén
puido gañar o partido o Baio, nun saque de falta rápido de Martín
MC sobre Moreno que se internou na área e o seu lanzamento quedou
entre as pernas de Illote (min.89). Cun novo rifirrafe por outra
decisión arbitral, que lle sacou cartón a Martín MC por perda de
tempo, e as protestas dos locais que reclamaban a expulsión, pois
moitos descoñecían a rectificación que fixera antes, entre eles o
propio linier que tampouco coñecía o erro anterior. Rematou o
partido co colexiado tratando de xustificar as súas decisións ante
uns e outros, pero o público quedou cun bo sabor de boca dun partido
disputado e bonito, no que calquera dos dous puido gañar e o empate
deixa as cousas como estaban, máxime cando os perseguidores tamén
empataron.
XUVENIL:
C.D. BAIO 4 – CORME C.F. 0
Dentro
do dobre enfrontamento entre baieses e cormeláns, na tarde do sábado
viviuse o primeiro capítulo coa celebración do partido entre os
xuvenís dos dous clubs. E os que estiveron no Platas Reinoso
puideron ver un excelente encontro do conxunto local, que deu mostra
do fútbol que levan dentro os seus futbolistas. A primeira parte
estivo máis igualada ata que chegou o primeiro gol baiés, que veu
dun lanzamento de falta que remata Luis, despexa o porteiro pero o
balón rebota en Manu Bermúdez e introdúcese na súa propa
portería. Puido Santi marcar o segundo, pero o seu lanzamento foise
fóra, antes de chegar ao descanso.
No
segundo tempo, o Baio plantouse ben atrás concendendo poucas
oportunidades aos visitantes de achegarse á meta de Cedrón, e o
gran traballo defensivo deu os seus froitos en ataque. David Mohedano
aproveitaba un rexeite do porteiro para fusilar a meta cormelana e
sentenciar o partido. E chegarían dous goles máis para o Baio obra
de Sergio, o primeiro tirando a colocar á escuadra desde fóra da
área, facendo inútil a estirada do porteiro; e o segundo logo dun
córner ensaiado, rematando de cabeza un centro de Josiño. A
superioridade local foi incontestable e o bo traballo de todos fixo
que sumasen un cómodo triunfo, mantendo a boa liña que se via
nestas últimas semanas. A vindeira semana, novo partido na casa,
pois visita o Platas Reinoso o Laxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario