C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

7 nov 2016

CANDO HAI PÓLVORA...

C.D. BAIO 5 - U.D. MONTE LOURO 1

Terceiro hat-trick de MC esta liga

Partido con luces e sombras, ao igual que o tempo, o visto este domingo no Platas Reinoso, ante preto de 200 persoas que acudiron a pesar da ameaza meteorolóxica, que ao fina apenas deixou unhas chuvieiras ocasionais. Partido insulso na primeira metade, ou polo menos ata que se inaugurou o marcador e máis movido na segunda, con continuos ataques locais que depararon unha goleada pola eficación de cara ao gol de Martín MC, que sumou o seu terceiro hat-trick no que vai de liga.
O partido comezou cun control do balón por parte local, mentres o Monte Louro agardaba atrás á espera dunha contra efectiva, cun Raúl de home-boia e Geiko e Juan de Celia como puntais nas bandas. A primeira oportunidade chegou nas botas de MC, que recibe un pase entre liñas, chega antes que o porteiro pero sae do regate moi forzado para rematar a porta (min.7). Novamente tería o dianteiro outra oportunidade pero o seu disparo vaise fóra por pouco (min.13). No min.26 intercambárionse os papeis e MC envía un pase entre liñas a Martín, pero o seu remate é sacado por Santi na súa saída. E un minuto despois é de novo MC quen dispara desde a frontal da área e saca o porteiro a córner. Eran varias as ocasións dos locais, pero o seu xogo non era fluído, con continuas perdas de balón, imprecisións que non permitían desenvolver o fútbol habitual das últimas datas. Nunha desas imprecisións á hora de saír co balón desde atrás chegou un centro á área que rematou Raúl de bonito cabezazo para marcar o 0-1 na súa primeira ocasión (min.40). Parece que o gol espertou aos baieses, que tan só dous minutos despois igualaron o marcador. Moreno dispara con forza desde a frontal o porteiro Santi consegue rexeitar o balón, que lle cae a Javi Suárez, que despois de regatear a un defensa pon o 1-1 no marcador, resultado co que se chegaría ao descanso.
E saíu enchufado o Baio dos vestiarios pois na primeira xogada de ataque chegou o 2-1, obra de Santi Díaz, que empurra o balón á rede no segundo pau, tendo a desgraza de lesionarse tras o golpeo (min.47). Espertara o Baio e pechaba ao Monte Louro no seu campo, e nestas chegou o golazo da tarde, cun disparo de Martín MC desde 25 metros que se coa pola escuadra (min.54). Con este gol os visitantes baixaron os brazos e o Baio limitouse a controlar o balón e movelo con maior claridade que no primeiro tempo. Nunha xogada por banda dereita, chega un centro de Javi Suárez, que chega a Martín MC, que dispara desde dentro da área e bate a Santi por baixo (min.75). E completaría o propio Martín MC o seu hat-trick, tras unha combinación con Javi Suárez que lle pon o balón á carreira a MC, que se planta ante o porteiro e báteo por baixo (min.85). Dous minutos despois, invírtense os papeis, e é MC quen lle mete un balón de gol a Javi Suárez, pero nesta ocasión o gardameta consegue desviar a córner.
Goleada final nun partido que foi máis complicado do que di o marcador, sobre todo na primeira parte, na que os baieses estiveron moi espesos, pero a raíz do gol visitante todo cambiou e tiveron unha boa segunda metade, na que foron moi superiores ao cadro muradán. Na parte negativa, hai que falar dunha nova lesión, neste caso de Santi Díaz, mentres que na positiva temos que sinalar o debut esta temporada de Fredi, e a convocatoria do porteiro Diego, logo da súa lesión na Copa Deputación. Con esta vitoria mantense o CD Baio nos postos altos da clasificación, empatado co Corme CF, e aumentando a distancia sobre os perseguidores. A vindeira semana toca visitar, despois de 23 temporadas, o campo da Rocheira, na que nos agarda un enrachado Coristanco SD.
XUVENIL: S.D. SOFÁN 1 - C.D. BAIO 6
Santi marcou tamén un hat-trick

Na tarde do sábado desprazábase o equipo xuvenil a Carballo para enfrontarse ao Sofán SD, nun encontro disputado sobre o novo céspede artificial do campo das Eiroas. Tras o resultado adverso da semana pasada, querían os nosos xuvenís redimirse neste inicio da segunda volta e saíron moi enchufados no encontro. Así chegaron rápido as primeiras oportunidades, e nunha delas un magnífico centro de Josiño é rematado, tras varios rexeites, a gol por Regueira. Dez minutos despois marcarían os baieses o segundo grazas a un penalti convertido por Josiño por claras mans, e xa antes do descanso Santi adiantándose á saída do porteiro marcaba o 0-3 co que se chegaría ao descanso. Seguiu o Baio acumulando ocasións na segunda metade e no primeiro cuarto de hora deste período chegarían tres goles máis, dous deles de Santi para completar o seu hat-trick e outro de Estefan. Un erro defensivo á hora de sacar o balón permitiu que o Sofán lograse o gol da honra, pero foi unha anécdota ante a superioridade visitante, que nos últimos vinte minutos acumulou moitas e clarísimas ocasións de gol que non lograron culminar.

Ficha do partido da FGF (con erros)
Clasificación do Grupo Norte


No hay comentarios:

Publicar un comentario