C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

2 nov 2016

ATAQUE TOTAL 3.3 (A BATALLA DO CAIRO)

CORME C.F. 3 - C.D. BAIO 3

Brais puido dedicarlle o gol a Noa
Principiaba a Copa da Costa este martes 1 de novembro na súa 54ª Edición, e o sorteo deparaba un enfrontamento entre os equipos que actualmente lideran a Liga da Costa, e o espectáculo non puido ser maior. Case 300 persoas se achegaron ao Cairo nesta tarde de sol para presenciar a eliminatoria 100 do CD Baio no torneo copeiro por excelencia ¿de Galicia?. E abofé que non marcharon defraudados co encontro, que tivo de todo, pero sobre todo ocasións de gol. Non parecía un encontro de ida dunha eliminatoria en principio igualada, senón que os dous equipos buscaron continuamente coas súas armas a maneira de chegar ao gol, e así víronse seis goles, pero ben puideron ser máis.
Comezou o partido cos dous equipos tenteándose, pero así como chegou a primeira ocasión xa se desataron as hostilidades. A primeira tívoa Lucas cun lanzamento de falta que se lle foi alta (min.12), á que axiña contestou Martín MC cunha volea na frontal da área que enviou a córner Illote (min.14). Nese córner o envío pechado de Santi Díaz sorprende ao porteiro local xa rebasado, pero o balón bota sobre o traveseiro. No min. 16 chegaría o primeiro gol, obra de Santi Díaz, que aproveita un balón rexeitado para marcar de volea desde a frontal. Non tardaría en empatar o Corme, ao roubar o balón na frontal da súa área e enviar en longo cara a Toniño, que aproveitándose do esvaron de Norberto bate a Recarey na súa saida (min. 20). O Baio estaba sendo superior nesta primeira parte, e esta acción desafortunada metía ao Corme no partido. Con todo seguiuno intentando o cadro visitante, e tras boa xogada de Javi Suárez, Rubio puido poñer por diante de novo ao Baio pero o seu remate foise lambendo o pau (min. 25). E antes do descanso aínda tería unha clara ocasión o cadro visitante, pero Javi Suárez remata mordido un bo centro de Pedro e Illote logra desviar a córner (min.38). E xa no desconto tivo a súa o Corme, nunha rápida contra, pero o disparo de Alejandro é interceptado por Porto, desviando a córner.
Lonxe de serenar os ánimos os minutos de descanso, o segundo tempo seguiu aínda máis tolo, con continuas idas e voltas. Un saque de banda (mal sacado) do Corme é peinado no primeiro pau e chega o balón ao segundo, onde Lucas só ten que empurralo á rede (min.52). Non tardou en reaccionar o equipo baiés, e só un minuto despois un balón colgado á área é rematado de fermosa volea por Brais. No min. 55 tivo Alejandro o gol na súa cabeza, pero o seu remate fóiselle alto tras falta botada por Lucas. Apertou o conxunto local nestes minutos aproveitando a entrada de Alejo e a lesión de Porto. Pero o Baio tamén sacaba perigosas contras, como un tres para dous que non souberon resolver os dianteiros baieses; e posteriormente nun córner raso botado por Moreno o balón supera o primeiro pau e golpea en Alejandro que marca en propia porta (min.71). Acusou o golpe o cadro local, pero non tardaría en repoñerse, grazas á interevención de Lucas, que nunha primeira ocasión recolle o balón no pico da área e o seu lanzamento bate no traveseiro (min.78). Un minuto despois, e nun novo saque de banda, o balón volve chegarlle a Lucas no segundo pau, que de tiro raso fusila a Recarey. No min. 81 un rebumbio na área baiesa remata cun despexe de Fachal en semifallo que a piques está de coarse na propia portería, mentres que na outra portería era Norberto o que non acertaba a rematar por dentro o seu cabezazo á saída dun córner (min.85). A falta de dous minutos o Corme quedaría cun home menos ao ver Alejandro o segundo cartón amarelo ao cortar unha perigosa contra de Javi Suárez. Aínda con un menos tería o cadro local unha última oportunidade nun lanzamento de córner, no que non atinaban a despexar os defensores nin a rematar os atacantes, ata que o balón en varios rexeites peta no traveseiro e vaise fóra.
En definitiva, precioso partido con infinidade de ocasións deses que fan afección, e cun resultado que o deixa todo para a volta no Platas Reinoso o 6 de decembro. Esperemos que se repita o espectáculo. Agora toca centrarse outra vez na liga, que o domingo xa logo chega.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario