C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

21 nov 2016

VITORIA PRACEENTEIRA

 C.D. BAIO 2 - U.C. CEE 0

Mario volveu aos campos
despois de varios meses
Nova vitoria baiesa ante un rival histórico, o UC Cee, nunha tarde fría e chuviñenta, que non foi impedimento para que se desen cita no Platas Reinoso algo máis de 200 persoas. O partido non foi moito mellor que o tempo, cun Baio moi impreciso, sobre todo na primeira metade, e un Cee que demostrou por que é o menos goleador do grupo, pois non puxo nunca en apuros a portería local.
Cun equipo visitante pechado atrás o Baio intentaba mover o balón, pero este non fluía coa velocidade doutras veces e as imprecisións eran constantes. Moi poucas ocasións de gol neste período, e tan só podemos salientar a ocorrida no min.18, cando logo dun córner dispara Martín MC desde fóra da área e o balón rexéitao Paulo, Isaac adiántase á defensa e consegue disparar pero de novo Paulo intervén para desviar a córner. A segunda ocasión foi o primeiro gol baiés, que chegou dun pase en profundidade de Martín cara a Martín MC que se presenta ante Paulo, ao que deixa sentado cun quebro e marca a pracer (min.33). Pouco máis que contar desta primeira parte, na que o Cee non chegou a pisar a área local.
Saíu o Baio na segunda metade disposto a sentenciar o encontro, pero non estivo atinado de cara a porta. No min.47 recibe Martín na frontal da área e lanza a colocar ao segundo pau pero sae lambendo o poste. Dous minutos despois triple ocasión despois de que o balón chegase a Martín MC que lanza un potente disparo que bate no traveseiro e bota dentro do campo, o balón chega a Javi Suárez que centra para Rubio pero o seu disparo sácao Paulo e volve de novo para Martín MC, que con apenas ángulo dispara ao lateral da rede. No min. 61 o Cee quedaría cun home menos ao ver Julito o segundo cartón amarelo ao cortar unha internada de Martín MC na área. No lanzamento desa falta por parte de Martín, nin os atacantes conseguen rematar con claridade nin a defensa sacar o balón e este chega a Isaac que lanza un potente disparo que bate no pau. Acosaba o conxunto baiés, e tras un erro do porteiro na saída do balón aprovéitase Martín MC, que o supera por alto e cando se cantaba o gol Chema saca de cabeza baixo paus a córner. No lanzamento do córner remata Rubio e Paulo lúcese enviando a córner. Fon minutos de agobio do equipo local, que non aproveitou para sentenciar, pero tampouco se vía perigo no Cee, a pesar dalgún intento de Juan por achegarse á meta de Recarey.
No minuto 80 produciuse o debut esta temporada de Mario, logo da lesión sufrida a finais da temporada pasada. E un minuto despois chegou o segundo gol local, nun balón servido polo propio Mario sobre Javi Suárez, e o centro deste buscando no segundo pau a Martín MC é interceptado por Noé, marcando na súa propia portería. Puido anotar o terceiro da tarde Javi Suárez nunha grande oportunidade, pero desaproveitou un man a man con Paulo, que conseguiu desviar a córner (min.87).
Suma trinta puntos con este triunfo o conxunto baiés, que o mantén empatado co líder Corme. E a vindeira semana enfrontaranse os dous no Cairo, nun partido que nin moito menos vai ser decisivo pero si moi importante para a moral dos dous equipos.


XUVENIL: CAMARIÑAS F.C. 4 – C.D. BAIO 7

Chuvia de goles no Hermanas Patiño na tarde do sábado, que veu acompañar a mala tarde climatolóxica que tiveron que soportar os xogadores dos dous conxuntos. Principiou enchufado o equipo local, e o seu goleador Brandon marcaba o primeiro no min.4, e só dous despois outro dos habituais das convocatorias do equipo sénior, Pablo Mouzo, poñía o 2-0. Pero reacionou moi ben o conxunto baiés, e Mohedano e Santi poñían o empate antes da media hora; e aínda viñeron máis pois antes do descanso Efe e Mohedano poñían un claro 2-4.
Meteuse de novo no partido o Camariñas ao marcar de novo Brandon, pero dous minutos despois Manuel María poñía terra de por medio. Chegaron nos minutos finais tres goles máis, primeiro Fran puxo o 3-6, e ao minuto seguinte Pablo Suárez recurtaba distancias e xa no desconto Sergio marcaba o definitivo 4-7. Moi bo partido dos baieses que souberon reaccionar ao mal inicio e co paso dos minutos demostráronse moi superiores e incluso puideron marcar máis goles e traer un resultado máis contundente. Agora o Baio ten dous partidos seguidos na casa, ante Corme e Laxe, nos que ten a oportunidade de seguir sumando puntos e demostrar o seu bo momento de xogo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario