C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

14 nov 2016

VITORIA NA ROCHEIRA

CORISTANCO S.D. 0 - C.D. BAIO 3

Onte na Rocheira un "Javi-trick"
Logo de 23 temporadas, volvía o CD Baio á Rocheira para enfrontarse ao Coristanco SD, e como na última vez que xogou alí volveu cunha vitoria no peto. Acompañou o tempo aos 200 espectadores que se deron cita no campo bergantiñán, que viron unha vitoria clara do equipo visitante, que se mostrou superior e con fases de bo xogo a través do rexuvenecido Martín, aínda que o Coristanco tamén contou con algunha opción de gol clara. A última vez que o CD Baio xogara na Rocheira, Martín aínda era cadete, este domingo con seus 38 anos cumpridos, parecía un xuvenil. El foi o amo e señor do centro do campo e os cambios de xogo e pases de gol fixeron máis cómodo o triunfo baiés. E onte tivo en Javi Suárez o seu mellor aliado, e o killer de Quintáns acabou anotando un hat-trick. 
Xa desde o principio quedou claro que ía ser o Baio o que levase o peso do partido, mentres os locais se gardaban atrás e deixaban na punta a Magovi, para que dese saídas ao xogo de ataque local. A primeira grande ocasión do Baio chegou no minuto 6 grazas a un bo pase de Martín para a diagonal de Martín MC, que se presenta ante Brais, pero este consegue sacar a córner o balón cando xa se cantaba o gol. No min.17 sería Javi Suárez o que se presentase ante o porteiro local forcexando cun defensor e o seu remate era de novo desviado polo gardameta a córner. Á saída dese córner, remataba Norberto no segundo pau en posición inmellorable pero o balón foise lambendo o poste. O único achegamento local con perigo veu dun balón colgado que nin a defensa nin o porteiro conseguiron despexar con éxito, e Magovi remata forzado e case consegue sorprender a Recarey (min.28). Pero o Baio seguía na busca do gol, combinando de banda a banda, e obtivo o premio no minuto 42, tras unha boa combinación dos centrocampistas que chega a Martín MC, quen filtra o pase para Javi Suárez que só ante Brais, báteo por baixo. Con este resultado chegouse ao descanso, que facía xustiza á superioridade visitante.
Martín foi o amo do partido
Polo mesmo camiño parecía que ía a segunda parte, aínda que o Coristanco, coa entrada de Gonzalo, buscou con máis ansia a meta rival. E sería o dianteiro bergantiñán o que tivese a grande oportunidade dos locais, ao presentarse só ante Recarey pero o seu balón petaba no traveseiro e íase fóra (min.59). E como reza o dito, quen perdoa págaa e xusto na xogada seguinte chegaba o segundo do Baio, ao enviar Martín un pase en profundidade para Javi Suárez, que se internou na área e bate de tiro cruzado a meta local (min.60). Con este gol practicamente se finiquitou o encontro e o Baio dedicouse a conservar o balón con rápidas combinacións que facían imposible que os locais se achegasen con asiduidade á meta de Recarey. Pecharía o partido o terceiro gol visitante, que chegou nunha xogada por banda dereita de Isaac, que se adentrou na área e o seu disparo é rexeitado por Brais, pero o balón chégalle a Javi Suárez que coa zurda anotaba o seu primeiro hat-trick (min.68). Os minutos finais non tiveron máis historia que o debut oficial do porteiro Diego, que dispuña duns minutos despois da súa lesión na pretemporada.
Vitoria importante nun campo complicado que lle permite ao club baiés permanecer na parte alta da clasificación cando vai un terzo do campionato. A vindeira semana visita o Platas Reinoso o UC Cee, o club máis laureado da Liga da Costa.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: C.D. BAIO 0 – CABANA S.D. 1

Partido moi bo o disputado polos xuvenís baieses que non se viu recompensado no resultado, nun encontro moi igualado, pero que os locais foron os que buscaron con máis ansia a meta rival, e os que dispuxeron das mellores ocasións, pero unha contra no último minuto da primeira parte chegoulle ao Cabana para marcar o seu gol e sacar os tres puntos do Platas Reinoso. O equipo local tivo ademais o infortunio das lesións da súa columna vertebral no centro do campo, e tanto Estefan como Sergio tiveron que abandonar o terreo de xogo antes do previsto, e xa no segundo período, o bravo lateral Iago tamén caía lesionado e tiña que abandonar o campo. Agardemos que se recuperen axiña e poidan volver a xogar o antes posible. A próxima semana visita ao Hermanas Patiño para enfrontarse ao Camariñas.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte



No hay comentarios:

Publicar un comentario