C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 oct 2016

PETANDO NAS PORTAS DE SAN PEDRO

S.D. CASTRIZ 1 - C.D. BAIO 2

Pouco máis de cen persoas (a metade delas baiesas) se deron cita no campo de San Pedro para ver unha nova vitoria do CD Baio nesta temporada na Liga da Costa. Partido de moito control e poucas ocasións, sobre todo na primeira parte, na que foron escasos os achegamentos con perigo á meta rival. 
Peke acompañado dos xogadores convocados, o míster e o delegado
Non houbo no primeiro período moito que contar en canto a xogadas de gol, mais o control do balón e do partido estaba nas mans do Baio, mentres o Castriz limitábase a agardar ordenado atrás na busca do erro do rival para facer algunha contra. Pero o erro non chegou e o Castriz só inquietou a meta de Recarey logo dun rexeite da defensa nun lanzamento de córner; o balón caéulle a Pablo que lanzou sen aparente perigo pero o balón desviouno un defensa e foi petar na parte superior do traveseiro (min.14). O Baio intentábao por bandas, sobre todo coas incorporacións de Pedro pola esquerda, pero faltaba o último pase para que a xogada tivese verdadeiro perigo. Nunha desas incorporacións, Pedro preséntase na área e o seu lanzamento é desviado por Herrera pero cáelle o balón nas botas a Javi Suárez, que só ten que empurralo á rede (min.31). Pouco máis que salientar deste primeiro tempo, polo que se chegou ao descanso coa vitoria mínima para os visitantes.
Nada máis iniciarse o segundo período, puido o Baio sentenciar pero Santi Díaz non atinou a marcar no seu man a man ante Herrera, que sacou moi ben cos pés (min.46). A decoración non cambiaba, co Baio controlando e o Castriz agardando, aínda que nos primeiros minutos os xalleiros intentaron presionar un pouco máis arriba, con escaso éxito. Cómodo como estaban os baieses tampouco se prodigaban moito pola área contraria, pois os ataques adoecían de claridade no pase definitivo. A falta dun cuarto de hora, o Baio parecía sentenciar o choque, cando Moreno desde a liña de tres cuartos mete con rosca un balón á cabeza de Martín MC, que bate a Herrera para poñer o 0-2 (min. 75). O Castriz baixou os brazos e parecía sentenciado o partido, pero nun córner o balón é despexado por Recarey de puño e chégalle na frontal a Pablo Landeira que engancha unha volea que se coa pola escuadra (min.83). Apertou o equipo xalleiro a raíz do gol e veuse arriba, mentres ao Baio entroulle o medo no corpo ao ver que podían empatar un partido que cría gañado. Con todo, a única ocasión destes minutos finais estivo nas botas de Brais, que vendo o porteiro Herrera adiantado, enviou un bonito lanzamento desde uns 35 metros que bateu no pau, co gardameta xa batido (min.87).
Traballada e xusta vitoria do Baio no sempre difícil campo de San Pedro, que refrenda o traballo destes xogadores que a pesar das continuas baixas por lesión deste comezo de temporada, seguen a mostrar un gran nivel competitivo. Os dezaseis que foron hoxe convocados quixeron darlle o seu ánimo a Peke, presente no partido, que a pasada semana sufría un importante accidente laboral, e cunhas camisolas alusivas fixeron a foto de rigor. A vindeira semana renderá visita o Monte Louro ao Platas Reinoso, pero no medio está a Copa da Costa, que celebra o martes a súa estrea, no caso do Baio vai ser en Corme.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: SP. ZAS 5 - C.D. BAIO 0
O equipo xuvenil estreou equipación patrocinada por GASTHOF

E de santo a santo, o sábado en San Andrés chegaba o noso derbiño e facíao cunha clara e contundente vitoria local que deixou moi tocados aos xogadores baieses, que vían como cada chegada do seu rival se convertía en gol, mais tampouco se viu unha reacción en ataque para meterse no partido en ningún momento. Agardemos que se tratase dun lunar nesta recuperación que parecía ter o equipo nas dúas últimas semanas e para a semana endeireitar de novo o rumbo. Capacidade para facelo teñen, agora fai falta a voluntade. A próxima semana principia a segunda volta, e toca visita a Sofán.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte

No hay comentarios:

Publicar un comentario