C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

17 oct 2016

CANDO AS ESTATÍSTICAS NON FALLAN

CAMARIÑAS FC 4 - C.D. BAIO 2

Nas casas de apostas costeiras, se as houbera, non ía dar moitos réditos a vitoria do Camariñas, pois cumpríronse as estatísticas e unha vez máis o Baio volveu de baleiro do Hermanas Patiño. Un campo que presentaba unha boa entrada, cunhas 200 persoas presenciando un partido con máis goles que fútbol, pero en definitiva neste deporte é do que se trata: de meter máis goles que o rival. E niso gañou o Camariñas, que non foi superior en canto a xogo ao Baio, nin tampouco o equipo baiés fixo méritos para gañarlle a un Camariñas, que si foi tremendamente superior no "outro fútbol". E con iso chegoulles para levar os tres puntos.
Santi Díaz foi de novo protagonista
ao marcar outro gol
A primeira parte comezou adurmiñada, con dous equipos que non ofrecían moito aos espectadores. O equipo local pechado atrás e o visitante movendo o balón pero sen profundidade. De feito, a primeira ocasión do partido chegou no minuto 21, que non aproveitou Norberto a rematar dentro da portería un centro de MC logo dunha internada pola banda. Os camariñáns limitábanse a agardar o erro do rival,e fóra de dúas reclamacións de penalti pola bancada, o gol chegaría no seu primeiro disparo a porta, e foi nun lanzamento de falta de Javier Antelo (min. 25), que sorprende a Recarey polo seu pau. Tratou de recompeñerse o Baio e aí viñeron os seus mellores minutos, e froito diso chegou o empate, ao rematar Martín MC de cabeza unha falta botada por Moreno (min. 37). Controlaba nestes minutos o encontro o equipo baiés, pero nunha xogada pola banda de Soule acabou en penalti, que transformaría Yuyo (min.42). Descentrou este gol aos visitantes, que viron como na última xogada da primeira parte, un centro desde banda dereita era rematado por Maikel anticipándose á defensa (min.45). Chegábase ao descanso logo dunha pobre primeira parte na que sen haber ocasións se marcaron catro goles, e o equipo local tiña encarreirado o encontro.
Se na primeira parte non houbo xogo, na segunda apenas se xogou. Continuas interrupcións e atencións "médicas" privaron ao espectador de ver algo de fútbol. Con todo, houbo máis achegamentos ás áreas rivais, aínda que ocasións claras moi poucas. Por citar unha delas un lanzamento de Martín MC desde fóra da área que saíu lambendo o traveseiro (min. 49). Nin a volta de Javi Suárez, aínda non restablecido completamente da súa lesión, lle deu máis mordente ao ataque baiés, que iso si poñería o medo no corpo da afección local ao conseguir Santi Díaz (min. 65) bater a portería local e poñer o 3-2 no marcador. Apertaba o Baio na busca do empate, pero nunha contra levada por Yuyo, este consegue chegar á área visitante e o seu disparo é rexeitado por Recarey, pero o balón cáelle nas botas de Nazo, que só ten que empurralo á rede (min. 74). Aquí rematou definitivamente o encontro, fóra de dúas oportunidades nos minutos finais, unha por bando. Nunha nova contra, Yuyo preséntase ante Recarey e quere ceder para a chegada de Brandon, pero Recarey consegue atrapar o envío (min.85); e o Baio puido marcar nun remate no primeiro pau de Porto, que Álvaro tapa moi ben enviando a córner.
Vitoria do Camariñas nun partido no que pelexou máis que o seu rival pola vitoria, que o soubo levar ao seu terreo e no que o Baio sempre estivo a remolque. Está demostrado que na Liga da Costa para gañar en campo contrario tes que ser superior ao equipo local, e senón vas sufrir moito. Agardemos que sirva para futuras confrontacións. O vindeiro domingo visitará o Platas Reinoso, o Buño, que chegará afectado logo de perder no derby contra o Malpica.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa
Táboa de goleadores


XUVENIL: PONTECESO S.D. 2 - C.D. BAIO 1

No serán do venres achegáse o equipo xuvenil do CD Baio ao Pinguel para disputar o seu partido ligueiro desta semana, logo das malas sensacións das últimas xornadas. E mellorou o cadro baiés o seu nivel futbolístico, que non obstante non lle chegou para traer algo positivo de terras pontecesanas. Foi un partido tremendamente controlado polas dúas escuadras, sen apenas ocasións de gol, concentrados os dous equipos en concederlle ao seu rival as mínimas oportunidades, pois un gol podería decantar a balanza. 
Os goles chegaron na segunda parte, o primeiro dos locais apenas iniciado este período, o que fixo que o Baio se fose arriba na busca da igualada, o que logrou minutos despois grazas a unha boa diagonal de Regueira. Volveu o partido á fase anterior, pero nunha xogada desgraciada, un córner botado sen aparente perigo acabou nas redes de Julián. Buscou o empate o Baio embotellando o Ponteceso na súa área, pero non houbo premio para os baieses, que viñeron do Pinguel sen ningún punto, pero coa sensación de que loitando poden acadar bos resultados.

Ficha do partido da FGF
Clasificiación da Liga da Costa Xuvenil Norte
Táboa de Goleadores

No hay comentarios:

Publicar un comentario