C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 oct 2016

PREVIA DO CORME CF- CD BAIO

A ELIMINATORIA Nº 100 DO CD BAIO NA COPA DA COSTA

A Historia

COPA DA COSTA

P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
CD BAIO
198
082
048
068
396
325
CORME CF
115
038
027
050
162
189

A 54ª Edición da Copa da Costa empeza o vindeiro martes 1 de novembro e faino con 32 equipos en liza, que esperan chegar ata a final que se vai disputar o 25 de xuño. No sorteo realizado en Baio o pasado luns, ao club baiés correspondeulle principiar ante o Corme CF. Os dous son clubs que xa saben o que é gañar este trofeo, pois levantaron cadansúa Copa da Costa. O Baio foi na temporada 1982-83 e o Corme na 1998-99; os baieses chegaron tamén á final nas campañas 83-84, 03-04 e 04-05, mentres que os cormeláns perderon a da tempada 14-15.
Esta será a 47ª vez que participe o Baio nesta competición (moitos dos anos nos que estivo en Preferente non puido facelo) e para o Corme será a súa 33ª presenza (renunciou tres veces cando militaba na 1ª Rexional). No caso baiés, tan só o Ponteceso (48 veces) participou en máis edicións copeiras, e por número de partidos o Baio leva disputados 198, co que ocupa a 3ª posición por detrás de Ponteceso e Cee, os auténticos reis da Copa. Pola súa parte, o Corme leva xogados 115 encontros, que o converten no 19º equipo por número de partidos disputados desta competición.

A eliminatoria 100 do CD Baio na Copa da Costa

Esta vai ser a eliminatoria número 100 do CD Baio na Copa da Costa; das 99 anteriores superou un total de 54. O Cee e o Carnota, con sete, son os rivais aos que máis veces se enfrontou, seguido de Ponteceso, con 6, e Xallas e Soneira, con 5. Presenta números negativos no seu enfrontamento co Cee, ao que só superou dúas veces das sete, ou co Laxe, ao que non lle gañou nas tres veces que coincidiron, incluída unha final; mentres que polo lado contrario, o Corcubión foi superado nas catro veces que se enfrontaron. Estas 99 eliminatorias depararon a disputa de 198 partidos, dos que gañou 82, empatou 48 e perdeu 68; e 41 foron os seus rivais nesas confrontacións.
Pola súa parte o Corme CF vai disputar a súa eliminatoria número 62, gañando 29 das 61 ata o momento disputadas. Destaca como rival seu nese torneo o Coristanco, co que coincidiu en seis ocasións (con igualdade de vitorias), para despois ser un grupo de novo equipos os que se enfrontaron a el en tres oportunidades. No lado positivo, están as eliminatorias con At. Milagrosa e Esteirana, sempre favorables, mentres que o Dumbría impúxose nas tres veces que cadraron. As 61 eliminatorias tan só depararon 115 partidos, pois en máis dunha ocasión a eliminatoria resolveuse por non presentarse o rival á volta, por ser a partido único ou por cometer aliñación indebida no paritido de ida.

O enfrontamento entre o CD Baio e o Corme CF vaise dar por terceira vez na historia da competición copeira, con vitoria baiesa nas dúas anteriores. Pero diso xa choveu.
Crónica de La Voz do partido
de ida no Platas Reinoso
A primeira vez que se enfrontaron foi na 21ª Edición da Copa da Costa, na temporada 1983-84, nos oitavos de final desta competición. O partido de ida xogouse no Balsiño o 24 de xuño e gañou o Baio por 4-1, e a volta en Corme, o 1 de xullo, tamén tivo vitoria baiesa por 2-3. Nesta edición o Baio chegaría á final, que perdeu na prórroga co Laxe logo de incrible remontada laxense.
Crónica do partido de volta (6-6-90)
A segunda, e de momento última, foi na 27ª Edición, pertencente á temporada 1989-90, e coma na anterior, tamén se xogaban os oitavos de final. E igualmente, o partido de ida xogouse en Baio, pero non foi un encontro calquera, senón que foi o primeiro partido oficial que se xogou no campo Platas Reinoso. Tivo lugar o 27 de maio, e o Baio impúxose por 2-0, con goles de Marcos e de Javier, polo que o primeiro deles ten a honra de marcar o primeiro gol nese campo. Na volta no Cairo, o 3 de xuño, produciuse un empate (1-1), co que o Baio avanzaba aos cuartos (onde quedaría eliminado polo Ponteceso).
Polo tanto, dos catro partidos disputados o Baio gañou tres e empatou un, con dez goles a favor e catro en contra. En terras cormelanas o estatística sinala unha vitoria baiesa e un empate.

Enfrontamentos Totais Copa
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
04
03
01
00
10
04
Xogados en Corme
02
01
01
00
04
03

O CD Baio estreando o Platas Reinoso ante o Corme CF
O partido do martes

Chega o partido cos dous equipos encaramados no máis alto da Liga da Costa, empatados a puntos logo de nove xornadas, pero co Corme por diante por mellor diferenza de goles. A maiores temos que dicir que os cormeláns mantéñense invictos no campionato ligueiro, pois só perdeu puntos mercede a tres empates, colleitando a vitoria nos demais encontros. O poder do cadro dirixido por Lente, está na facilidade goleadora dos seus homes atacantes, pois conseguiron marcar 30 goles nestas 9 xornadas, pero tamén están recibindo poucos goles, tan só 8, o que o converten no segundo menos goleado da liga, por detrás do Mazaricos.
O Corme CF apenas presenta cambios sobre o que competiu na 1ª Autonómica a temporada pasada. Mantén o mesmo cadro de xogadores, coa única baixa subliñable de Juan Chans, que foi contrarrestada coa fichaxe de Uru (Malpica); aínda que tamén hai que falar da total recuperación do seu goleador Alejo, aqueixado de problemas físicos o ano anterior, que apenas o deixaron participar. Un cambio tamén se produciu no banco, ao que volve Lente despois dun "ano sabático", e parece que se nota a súa man, pois o equipo volveu ser tan competitivo como hai dous anos, coa súa boa campaña na 1ª Autonómica e na Copa da Costa, e o título da Liga da Costa a temporada anterior.

O Baio preséntase ilusionado a este partido, acumulando moitas baixas por lesións, pero como se demostra na liga, iso non é obvice para que o rendemento do equipo siga sendo alto. Agardemos ver un bo partido entre dous equipos que gustan do fútbol ofensivo, como adoitan ser os encontros entres eles dos últimos anos.

COPA DA COSTA (16º DE FINAL IDA)
CORME C.F. - C.D. BAIO
Martes 1 de novembro, 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14.15 horas.
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Felipe Gómez Otero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario