C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

10 oct 2016

CELEBRANDO O PARTIDO 800 NA LIGA DA COSTA

C.D. BAIO 3 - S.C.R.D. ESTEIRANA 1

Partido 800 na Liga da Costa do CD Baio que vai celebrar alcanzando o liderato do grupo, empatado a puntos coa UD Cerqueda, despois da vitoria ante unha Esteirana que deixou boa impresión polo seu bo xogo, aínda que concederon moitas oportunidades que fixeron de Roberto o xogador máis destacado, mantendo o seu equipo no partido durante moitos minutos. Tarde soleada e bo ambiente no Platas Reinoso, con máis de 200 persoas no campo, entre elas un bo número chegadas de Esteiro.
Santi marcou dous goles

Principiou o partido cos dous equipos tanteándose, sen un dominador claro, ata que chegou a primeira ocasión clara, que acabou en gol grazas a un forte lanzamento de Santi Díaz, que o porteiro visitante non consegue parar (min.12). Durante uns instantes quedou noqueado o equipo esteirán, pero axiña se refixo e buscou con ahínco a igualada, sobre todo nuns bos dez minutos nos que puxeron en serio perigo a meta local. Unha boa parada de Julián a un lanzamento desde fóra da área (min. 25), unha falta sacada por Pablo que vai á cruceta (min. 31) e un balón en profundidade sobre Jaime, que supera a Julián na súa saída pero chega Isaac para sacar baixo paus o balón cando xa se coaba (min.33) foron as tres grandes oportunidades da Esteirana para empatar. Estas oportunidades parece que fixeron espabilar aos locais, e antes do descanso terían tres grandes oportunidade para marcar en varios mans a mans que erraron Santi Díaz, por dúas veces, e Martín MC. Moitas ocasións de gol as vistas na primeira parte para tan só un gol conseguido.
A segunda parte principiou coa Esteirana querendo chegar arriba en busca do empate, pero cometía moitas perdas de balón que rapidamente convertía o Baio en perigosas contras e en infinidade de ocasións claras de gol. Xa no min.48 un pase de Martín para Santi Díaz déixao diante do porteiro pero este consegue desviar o remate, que lle cae a MC que marca o gol, pero o árbitro anúlao por suposta falta. Un novo pase de Martín será de novo desproveitado por Santi Díaz, que envía fóra (min.58). O Baio non mataba o partido e a Esteirana víase con vida a pesar de non chegar con perigo, pero pouco a pouco foi poñendo cerco á área baiesa, e un gol podía chegar en calquera rexeite. Pero o Baio seguía tendo grandes ocasións á contra, como unha xogada de esforzo e confianza de MC que salva un balón que parecía perdido, e o seu centro cara a Santi Díaz é rematado por este con forza pero foise fóra á dereita de Roberto (min.73). Cinco minutos despois nova internada de MC pola banda e o seu pase da morte cara a Norberto é rematado por este, pero un defensa chega para desviar a córner. O gol víase vir e este chegou no min. 80 por mediación do home que máis o buscou, Santi Díaz, e que atopou premio ao rematar no primeiro pau un bo centro de Moreno. Parecía sentenciado o partido, pero no min.85 chegou un penalti a favor da Esteirana, que converteu Damián Suízo, e a emoción volveu ao Platas. Aínda que non chegaron a crear ocasións claras nos minutos restantes, a incerteza do resultado levaron a inquedanza aos afeccionados locais. Mais todo quedou resolto no min.93, logo dunha xogada de Isaac por banda e o seu centro cara a Moreno é desviado cara ao interior da súa portería por Eloy Veloso, para poñer o 3-1 definitivo.
Partido entretido, con máis ocasións que xogo, no que o Baio dispuxo de moitas oportunidades para ter un resultado tranquilizador pero acabou pedindo a hora ante unha Esteirana que non se rendeu nunca e que, con máis ou menos acerto, buscou a porta contraria a base de bonitas combinacións. O resultado pon ao Baio á fronte da clasificación, aproveitando a derrota do ata agora líder Castriz en Berdillo, co Cerqueda empatado a puntos, pero con peor diferenza de goles. A vindeira semana toca visita a Camariñas. 

Ficha do partido da FGF (con algún que outro erro)


XUVENIL: CD BAIO 0 - CF PEDREIRAS XUVENIL 4

Visitaba por vez primeira de forma oficial o equipo berdillés o Platas Reinoso e facíao levando o tres puntos en xogo, quizais cun marcador demasiado excesivo para o visto sobre o terreo de xogo. Todo se volvía favorable para os bergantiñáns cando se adiantaban ao pouco de comezar o partido, o que fixo que tivesen o encontro onde eles querían e aproveitar o campo para despregarse á contra. O Baio fíxolle fronte e pouco a pouco foi trenzando xogadas de perigo, sobre todo nas botas de Estefan, pero non conseguiron igual o marcador.
Seguíu polas mesmas trazas o segundo tempo, cun Baio máis perigoso cerca da área rival, pero sempre faltaba finalizar ben a xogada. Con todo, pasou a ter o control de xogo ata que chegou o segundo gol berdillés nun balón aproveitado por Brais para bater a Cedrón. A partir de aquí o Baio descompúxose, partiuse en dous e o encontro foi un correrrúas do que sacou tallada o Pedreiras, cun seguro porteiro que atallou as acometidas locais, e un perigoso Brais arriba que completou con outros dous goles o seu hat-trick. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario