C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

3 oct 2016

VITORIA D'OURO

MAZARICOS C.F. 0 - C.D. BAIO 1

Despois de caer nas Pedreiras, o triunfo no Platas ante o Ponteceso e a vitoria na Pedra Queimada, chegou na Pedra do Ouro a terceira vitoria consecutiva do CD Baio no seu partido número 799 na Liga da Costa, ante un Mazaricos CF moi combativo, pero que non foi suficiente para puntuar ante os baieses, que dominaron un encontro que non pasará á historia polo vistoso do fútbol presenciado. Cerca de 200 espectadores se deron cita na Pedra d'Ouro, nunha tarde calurosa que non é moi habitual neste terreo de xogo, o que puido ser causante da escaseza de oportunidades que houbo, sobre todo na primeira metade. O equipo local saíu repregado atrás, agardando conseguir nos contraataques poñer en perigo a meta baiesa, que outra vez defendeu o xuvenil Julián por problemas de saúde de última hora de Recarey. O Baio era o que mantiña a posesiòn do balón, pero tampouco era quen de entrar na tupida defensa mazaricana, ben plantada no campo. 
Nórber marcou o gol da vitoria
Tras o descanso, os xogadores dos dous equipos parece que quixeron buscar máis a porta rival, e así chegaron as primeiras xogadas de perigo. Foi o Mazaricos quen tivo as primeiras, sobre todo en xogadas por banda esquerda, pero os remates de Molinos e David García, tiveron a boa resposta de Julián. Con todo, a ocasión máis clara destes minutos foi para o Baio, nas botas de Santi Díaz, que se vai en velocidade da defensa, pero no man a man co porteiro Miguel, este lúcese e atalla o balón (min.54). Esta oportunidade parece que fixo recuar un pouco aos locais, que cesaron no ímpeto con que principiaran este período, para volver a gardar a roupa atrás. Tivo outra ocasión Santi minutos despois, logo de que Norberto o deixase en posición inmellorable, pero a súa volea sairía moi alta. Sería nunha xogada por banda de Martín MC cando chegaría o gol do encontro. O centro do dianteiro é rematado de cabeza no segundo pau por Norberto, sen que o porteiro local puidese facer nada (min.71). Tres minutos máis tarde o propio Norberto tivo unha ocasión similar, pero desta vez o seu remate foise por riba do traveseiro. Acudiu á heroica o Mazaricos nos últimos minutos, con balóns colgados sobre a área baiesa, e mesmo co central Matías xogando como dianteiro centro, pero tanto a defensa como o porteiro visitantes estiveron moi seguros e non concederon remates fáciles aos dianteiros. A falta de gol parece que está mermando a este equipo, a pesar de contar con bos dianteiros, pois os tres goles que encaixou na liga, custáronlle tres derrotas.
Vitoria axustada pero xusta do Baio, que buscou máis que o seu rival o gol, e que lle permiten seguir na segunda posición da liga, a un punto do líder Castriz, e á vez distanciar un pouco a un rival, que a bo seguro estará nos postos altos ao final da competición. A vindeira semana visita o Platas Reinoso a SD Esteirana, que ocupa a 9ª posición da táboa, e que esta xornada empatou en Esteiro contra o Malpica (2-2).


XUVENIL: S.D. LAXE 0 - C.D. BAIO 1

Ao igual que os maiores, o equipo xuvenil tamén xogaba por segunda semana consecutiva como visitante, e tamén coma eles acadou o mesmo resultado. E como no anterior partido poucas ocasións de gol as vistas no partido, e en todas elas podemos atopar o mesmo protagonista, Estefan. A primeira, e máis clara, veu chegando á media hora de xogo, pero non soubo definir ante o meta local. Pero non erraría na segunda oportunidade e poñería por diante ao cadro baiés no minuto 35. No segundo tempo tería Estefan outra ocasión clara máis (min 59), pero o seu disparo foise fóra. Pouco máis que contar dun partido, que deixou na parte negativa as saídas do campo por lesión de Álex e Luis, que esperemos se recuperen para recibir o próximo sábado ao colíder do grupo, o Pedreiras Xuvenil, que xa demostrou na pretemporada o que pode facer.



No hay comentarios:

Publicar un comentario